fbpx

Na procura dun turismo sustentable intervindo oito xacementos “a partir da ciencia, a cultura e a historia”

Tempo de lectura: 2 min.

A Deputación de Pontevedra asina un convenio valorado en 400.650 euros para realizar intervencións en xacementos arqueolóxicos da provincia. Durante tres anos, un total de oito xacementos aproveitarán este proxecto, que ten como obxectivo investigar, preservar e promocionar o patrimonio de Pontevedra.

Dous proxectos no que queda de 2022, tres durante o 2023 e outros tres no 2024 configurarán o programa que vén de ser asinado. Pero as intervencións non só se centrarán nestes xacementos, senón que tamén se prevén labores de investigación de pezas sen catalogar e de coleccións de museos, principalmente o Museo de Pontevedra, así como actividades de divulgación sobre o patrimonio da provincia.

Tras un acordo piloto que foi firmado no 2020, a Deputación e o CSIC seguen a colaborar neste ámbito para poñer en valor os tesouros arqueolóxicos de Pontevedra. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, afirmou que “non é un convenio máis, senón un acordo para facer as cousas grandes cos e coas mellores investigadoras”, e comentou a importancia de construír “un modelo a partir da ciencia, a cultura e a historia, que máis que turístico é de atracción de visitantes”.

O convenio tamén inclúe unha convocatoria para que os concellos poidan presentar proxectos que teñan como fin intervencións arqueolóxicas, e que de non ser coa axuda da Deputación non se podería  levar a cabo, como remarcou Silva. Finalmente, os traballos que se leven a cabo expoñeranse nunha exposición de carácter itinerante, así como tamén se organizarán charlas e talleres en centros educativos e espazos municipais.

A Sala do goberno da Deputación foi o lugar que acolleu a firma deste novo convenio, no que, ademais de Carmela Silva, tamén estiveron presentes o delegado do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Javier Rey; o director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), Felipe Criado; e os investigadores María Faro, Noemí Silva, César Parcero, Xosé Lois Armada e Elena Cabrejas, de quen a presidenta da deputación destacou a súa “paixón pola ciencia” e a súa labor polo coidado do patrimonio. Máis información en Faro de Vigo.

Pode que che interese...