fbpx
Facsimilar do Libro de Horas de Fernando I / USC

O libro máis antigo de Galicia sae da súa cámara acoirazada

Tempo de lectura: 2 min.

A Biblioteca América da Universidade de Santiago, no Colexio de Fonseca, atesoura o que se considera o libro máis antigo de Galicia, o Libro das Horas de Fernando I, datado de 1055 e que este xoves abandonou, por primeira vez en máis de 20 anos, a cámara acoirazada na que se conserva para ser exposto na mostra ‘Santiago de Compostela no tempo’, que se inaugurará este venres na sede de Afundación na Rúa do Vilar.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero, así como o reitor da USC, Antonio López, asistiron ao traslado deste valioso exemplar desde o lugar no que se custodia ata o que ocupará durante o próximo mes.

A súa exhibición resulta excepcional, xa que é a primeira vez en case 30 anos que o libro abandona o Colexio de Fonseca, tras a última exposición ‘extramuros’ na que tomou parte, no ano 1993. Así mesmo, a última mostra na que participou, esta vez dentro de Fonseca, foi no 2000, hai máis de 20 anos. Por motivos de conservación, a súa estancia na exposición limitarase a un mes, período tras o que será substituído por un facsímile ata o final da mostra, en setembro.

AGASALLO DA RAÍÑA SANCHA A FERNANDO I

O ‘Libro das horas’ de Fernando I foi un encargo realizado pola raíña Sancha a modo de agasallo para o seu home, Fernando I de León, no marco dunha estratexia de lexitimación dos seus dereitos, cuestionados pola aristocracia.

O manuscrito contén textos litúrxicos, musicais e unha rica iluminación, entre a que destaca unha escena onde a raíña ordena ao escriba a entrega do libro ao seu consorte. Segundo apunta Manuel Gago, comisario da mostra, é un dos primeiros testemuños da linguaxe formal románica e da espiritualidade medieval privada.

‘Santiago de Compostela no tempo’ é a primeira do sete mostras dun amplo proxecto expositivo, ‘Cidades no tempo’, que profundará na cultura e identidade de cada unha das sete principais urbes galegas. Está organizada pola Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, e pola Obra Social de Abanca, Afundación.

Pode que che interese...