fbpx
Plagas de Exipto na biblia de Toggenburg, entre elas, a peste negra / Wikipedia

Estas son as similitudes do coronavirus e a peste negra, a pandemia máis mortal da historia

Tempo de lectura: 4 min.

A peste negra, bubónica ou morte negra foi a pandemia máis devastadora na historia da humanidade, non tanto polo número de mortes, senón polos efectos que tivo na poboación mundial. Afectou a todo o mundo coñecido no século XIV e alcanzou un punto máximo entre 1347 e 1353. É difícil coñecer o número de falecidos, pero estímase que só en Europa matou a 25 millóns de persoas, aproximadamente un terzo da poboación do momento.

Os seus efectos foron devastadores, sobre todo, na Europa máis urbanizada do momento. Así, mentres que algunhas áreas quedaron despoboadas, outras estiveron libres da enfermidade ou só foron lixeiramente afectadas. En Florencia, soamente un quinto dos seus poboadores sobreviviu. No territorio actual de Alemaña, estímase que un de cada dez habitantes perdeu a vida por mor da peste negra. Hamburgo, Colonia e Bremen foron as cidades onde unha maior proporción da poboación morreu.

A chegada a Galicia foi por peregrinos

Un estudo do CSIC publicado na revista Scientific reports en 2017 conclúe que a peste negra entrou en Galicia a través do Camiño de Santiago polos peregrinos e non pola costa como se cría. Neste estudo analízanse mediante un método matemático as variables que inflúen na propagación dunha enfermidade infecciosa e tomaron como exemplo a Peste Negra.

Tras medir dous parámetros, a centralidade e transitividade (conectividade) entre os núcleos de poboación (cidades), o estudo comprobou que as cidades máis transitadas e máis conectadas presentaban un maior numero de infeccións, mentres que as cidades máis illadas ou periféricas este numero era menor. Aínda que existen excepcións, no caso de enfermidades moi infecciosas e con gran capacidade de contaxio, a vantaxe de estar illado perdíase. Algo semellante ao que está acontecendo actualmente co coronavirus.

Difusión da peste negra por Europa no século XIV / Wikipedia

A expansión desta pandemia sempre estivo relacionada aos roteiros comerciais, orixinouse en Asia Central e viaxou ata Europa a través do roteiro da Seda. Con este estudo ademais dos roteiros comerciais engadironse outros, como son, as peregrinacións. Das 1311 cidades incluídas na rede de estudo, 402 estaban conectadas por roteiros de peregrinación.

Por iso, a investigación conclúe que a peste negra en Galicia non entrou pola costa como se pensaba senón polo Camiño de Santiago, como xa se podía ler na crónica do rei Alfonso XI. Nela indícase que a peste xa estaba en Santiago de Compostela en xullo do 1348. Mentres que os casos documentados en Baiona (Pontevedra) datan de finais dese mesmo ano.

O estudo tamén deixa claro que algo semellante podería ocorrer hoxe en día, tal e como está sucedendo co COVID-19. “Vivimos nunha época na que as redes de transporte e a vulnerabilidade dos núcleos poden determinarse de forma máis exacta. É vital comprobar se o patrón atopado neste estudo para as redes medievais segue vixente na actualidade”, apuntaba Miguel Verdú, investigador do CSIC.

Similitudes co coronavirus COVID 19

De feito, a peste negra ten as súas similitudes coa pandemia que está a padecer todo o mundo na actualidade, o COVID-19, tanto na orixe como no espallamento da mesma e non tanto polo número de mortes. A peste negra, como o coronavirus, apareceu en primeiro lugar en Asia, para despois chegar a Europa, a través dos roteiros comerciais. Introducida por mariños, a epidemia deu comezo en Mesina, Italia. Curiosamente, tamén este é o país máis afectado, polo momento, en Europa.

Ilustración medieval sobre a peste negra / Wikipedia

Tamén hai similitudes en canto aos síntomas. A peste negra, como o COVID-19 producía febre alta, tos e esputos. Pero a principal diferencia radica en que a primeira tamén provocaba consecuencias visibles e fatais para o organismo humano como sangrado polo nariz e outros orificios, manchas na pel de cor azul ou negro debido a pequenas hemorraxias cutáneas, aparición de bubóns negros en ínguas, pescozo, axila, brazos, pernas ou tras as orellas, debido á inflamación dos ganglios linfáticos que, cando estoupaban, provocaban un terrible fedor.

Rápido espallamento

Pero, quizais, a gran semellanza co coronavirus actual é o seu rápido espallamento por todo o mundo. E isto debeuse a que o seu período de incubación. Científicos do século XXI indican que a enfermidade podería ter un período de incubación non contaxioso duns dez ou doce días. A este seguiría un período de latencia asintomático, pero contaxioso duns vinte ou vinte e dous días. Posteriormente aparecerían os síntomas e a enfermidade mataba en catro ou cinco días máis.

De ser así, este período de incubación e latencia tan longo sería unha das causas que permitiu a súa rápida propagación. Unha situación semellante á que acontece co COVID 19, xa que moitos dos infectados son asintomáticos e poden tardar ata 14 días en manifestar síntomas, mentres que durante este tempo poden contaxiar a outras persoas.

Pode que che interese...