fbpx
Mámoa da Fonsagrada limpa

As administracións comezan a tomar nota: restaurada a mámoa vertedoiro da Fonsagrada

Tempo de lectura: 2 min.

Despois das reiteradas denuncias que dende hai tres anos levamos facendo dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares para que se eliminara o silo para plásticos e o lixo que inzaba a mámoa número 1 da necrópole do Peredelo, na Fonsagrada, hai uns días o Concello procedeu á súa limpeza. Cando a pasada semana nos chamou o alcade para comunicarnos que ían retirar a estrutura e os plásticos, rodas, colchóns, etc., o primeiro que fixemos foi dirixirnos ao Servizo de Xestión Cultural en Lugo para que supervisaran a limpeza e se fixera co debido control arqueolóxico.

Con respecto a esta mámoa, o luns pasado recibimos una comunicación do Servizo de Vixilancia e Inspección en Santiago, dependente da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, informándonos que xa se incoara un expediente sancionador por unha actuación non permitida sobre un ben patrimonial catalogado. Descoñecemos se agora, coa limpeza e a retirada do silo, se vai arquivar o expediente ou se continúa adiante. No mesmo escrito tamén nos informan que xa está en fase de instrución o expediente aberto pola agresión a una mámoa, de máis de 25 metros de diámetro, da mesma necrópole, a catalogada como número 3; no seu momento denunciamos que maquinaria pesada lle causara graves desperfetos, producíndolle una enorme gabia de máis dez metros de longo, dous metros de ancho e un de profundidade.

Mámoa da necrópole do Peredelo, na Fonsagrada, convertida nun silo de plásticos e nun vertedoiro

Agora estamos á espera da comunicación de Patrimonio pola recente destrución, a raíz dunha tala de piñeiros, da única mámoa con dolmen do concello de Baleira, situada no Alto do Restelo, en que solicitamos una sanción por falta moi grave, desfeita que tamén puxemos en coñecemento do Concello e dos grupos municipais con respresentación no mesmo, solicitándolles que tamén presentaran a denuncia. Ata o momento non temos noticia de se fixeron algo.

Pode que che interese...