O único dolmen de Baleira, de hai 6.000 anos, desfeito por maquinaria pesada da madeira
Os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de denunciar o que consideran “a peor barbaridade” que teñen presenciado ata o momento. Trátase da destrución total da única mámoa con dolmen que se coñecía no Concello de Baleira. Tratábase da necrópole do Monte da Cruz, situada no alto do Restelo, a 965 metros de altitude, xunto á vía provincial LU-0708, case no límite entre os municipios de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna.
A gran mámoa de terra de máis de trinta e cinco metros de diámetro, e o dolmen que acollía no seu interior, cunha cámara pétrea poligonal formada por sete esteos e un pequeno corredor de entrada, foron arrasadas por maquinaria pesada durante unha tala de piñeiros. Este enterramento do período Neolítico, cunha antigüidade duns 6.000 anos, foi o primeiro do concello de Baleira en ser catalogado, no ano 1991, pola Xunta de Galicia (DOG do 12 de xullo) co código GA27004001.
“Ttrátase do único enterramento con dolmen, os outros vinte documentados no municipio de Baleira son de terra, o que o facía especialmente singular. A maquinaria pesada destrozou totalmente o túmulo, e as pedras da cámara megalítica foron desprazadas e esnaquizadas”, suliña Xabier Moure, representante deste colectivo. Ao outro lado da estrada, a mámoa catalogada co código GA27004004, debido tamén á tala de piñeiros, foi lacerada con profundos sucos producidos polas máquinas.

Dolmen de Baleira destruído por maquinaria pesada da madeira / Colectivo Patrimonio dos Ancares
Denuncia
O colectivo patrimonial , acaba de presentar unha denuncia por rexistro electrónico ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural “debido á gravidade dous feitos”. Solicita para os responsables a máxima sanción que marca a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia pola destrución dun ben patrimonial, que vai de 150.000 a 1.000.000 de euros.
“Este enterramento é coñecido por todos dende sempre así que aquí no caben escusas polo que tamén instamos á Administración Autonómica a que, ademais da sanción administrativa, presente denuncia ante o xulgado correspondente por atentado contra un ben patrimonial protexido”, insiste Moure. Patrimonio dos Ancares tamén lle pedirá o mesmo este luns ao Concello de Baleira por medio dun escrito que presentarán no seu rexistro, e que tamén dirixirán aos grupos municipais (PP e PSOE).
Segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, no seu artigo 3.2, as entidades que forman a Administración local teñen a obriga de adoptar as medidas necesarias para salvagardar os bens patrimoniais, debendo comunicar á Xunta de Galicia calquera dano que padezan.