fbpx
Campamento romano de Cidadela, en Sobrado dos Monxes / arqueogaliza.blogspot.com

Así será a dignificación do campamento romano mellor conservado de Galicia e un dos máis abandonados

Tempo de lectura: 2 min.

Por fin os restos do campamento militar romano de Ciadella, situado en Sobrado (A Coruña), e o campamento mellor conservado de Galicia será posto en valor e dignificado tras anos de abandono. Será un equipo de arqueoloxía e restauración da Universidade de Vigo (UVigo) o encargado de facelo cun proxecto que contempla unha investigación, novas escavacións e tarefas de conservación e restauración que se alongarán durante 10 meses. En concreto, a escavación, na que participarán doce técnicos e auxiliares de arqueoloxía, levará a cabo desde marzo ata maio.

Este xacemento presentou unha ocupación prolongada, que se estima que tivo lugar entre o século II e o XIII e tiña unha unidade militar mixta (de infantaría e cabalaría) que dependía da Lexio VII Gémina de León. A zona contou cunha igrexa medieval que se trasladou fóra do xacemento no século XIII.

A función do campamento consistía en garantir a comunicación das localizacións nas que hoxe se atopan Lugo e o porto da Coruña. Tamén se controlaban as explotacións mineiras da zona e apoiábase o cobro de impostos.

O proxecto

O director do proxecto, Adolfo Fernández, detallou que os primeiros traballos consistirán na penetración de novas áreas e na limpeza e reexcavación de zonas xa intervidas. O obxectivo destas actuacións pasará pola realización dun rexistro de todas as estruturas conservadas, así como dun levantamento fotogramétrico 3D das mesmas. Posteriormente, outro equipo dirixido pola integrante do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüedad e Territorio (GEAAT) da uninversidade Marta Lago executará un proxecto de conservación e restauración dos elementos recuperados.

Paralelamente, realizaranse estudos de caracterización e datación de morteiros, datacións radiocarbónicas e análises arqueobotánicos, arqueozoológicos e cerámicos dos restos atopados. Tamén acometerán prospeccións xeofísicas non destrutivas e levantamentos con drones, entre outros. A iniciativa contará cun programa de promoción e divulgación que levará a cabo mediante redes sociais e eventos dirixidos a nenos e adultos. En concreto, Sobrado acollerá a primeira das charlas programadas o próximo 27 de marzo, cando se presentarán os traballos que se executarán.

Pode que che interese...