fbpx
Claustro de Bon Xesús de Trandeiras, en Xinzo / Wikipedia

Bon Xesús de Trandeiras…Como recuperar a grandeza dun dos grandes mosteiros de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

A primeira fase das obras de reconstrución do mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras xa están en marcha. Trátase de 711.000 euros que pretenden poñer en valor unha edificación que data do século XVI, pero que ten elementos dos séculos XII, XV, XVII e XVIII.

O mosteiro é un magno edificio chantado nun alto do Val do Limia que chegou a ter unha gran devoción en toda a comarca e o norte de Portugal durante séculos. Hoxe conserva numerosas ruínas de tempos pasados e unha igrexa que se tivo que edificar a finais do século XVII tras un pavoroso incendio.

O Bon Xesús de Trandeiras destaca, sobre todo, pola súa elegancia gótica. Son de destacar as pinturas góticas que decoran o altar maior e o seu posible risco de desaparición se non se toman as medidas oportunas. Nel represéntase ao arcanxo San Gabriel e a Virxe María. Na bóveda represéntase a Xesús entre os reis da época, Xoan II de Castela, María de Aragón e o seu fillo Enrique, futuro rei (Enrique IV). Estes frescos foron creados para conmemorar o ano santo xacobeo do 1434.

Roubo de Santa Catalina

No ano 1523 establecéronse nel os franciscanos. Cornielles de Holanda, escultor moi próximo ao Chantre de Ourense, debeu de estar involucrado en boa parte da imaxenería; concretamente unha Santa Catalina feita para a ermida, que, co tempo, chegou a formar parte do repertorio devocional da igrexa e roubada en 1988.

Neste gran monumento, esquencido durante anos, realizarase, agora, unha reforma. A primeira fase consisten na consolidación das infraestruturas hidráulicas e da riqueza arquitectónica do mosteiro que ocupa uns 2000 m2, dotándoo das garantías necesarias para ser visitable.

Magnífico sistema de abastecemento de auga

No conxunto de construcións que forman o mosteiro destaca o sistema de abastecemento de auga, formado por varias fontes e captacións, conducións e depósitos que garantirían a dispoñibilidade do recurso para as actividades monásticas. Gran parte destas obras son visibles nos terreos que rodean ao mosteiro, e poden intuírse con relativa facilidade as liñas mestras da súa organización e funcionamento. No entanto, o descoido, descoñecemento do existente e paso do tempo deterioraron moito estas infraestruturas que, xunto cos edificios do mosteiro, corren grave risco de ruína e desaparición definitiva. Por iso, as actuacións da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) van destinadas a arranxar este magnífico sistema.

Pode que che interese...