fbpx
Festa histórica / RonPorterCC0

Tradicións neolíticas, pagás e medievais…Así son as 9 festas con maior recoñecemento de Galicia

Tempo de lectura: 8 min.

Galicia é terra de festas, de tradicións cristiás e pagás, festas gastronómicas, musicais, históricas, santuarios, festas de orixe relixiosa ou en honra a algún santo ou patrón. De feito, non hai case fin de semana no ano que non haxa ningunha festa no noso país. Pero so algunhas delas teñen un recoñecemento oficial que vai máis alá do seu termo municipal. Este recoñecemento máis aló doutras figuras legais, é habitual que estea definido por unha categoría honorífica chamada Festa de Interese Turístico, xa sexa a secas, de Interese Turístico Nacional, ou Internacional. Nesta última categoría so hai nove festas en Galicia que ostenten tal relevancia. 

A declaración de Festa de Interese Turístico Internacional é unha distinción honorífica concedida pola Secretaría Xeral de Turismo do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Esta distinción simbólica dáse a aquelas festas ou acontecementos que teñan uns especiais valores culturais, tradición popular, carácter etnolóxico e atractivo turístico. Esta categoría foi creada en 1979, para diferenciar a importancia das festas en función dos territorios, e adaptalas ás vindeiras autonomías, baseándose nunha figura similar establecida no ano 1965. En 1980 fóronse declarando as primeiras a nivel nacional, pero ata o ano 2001 non se declarou a primeira festa galega. Mais na actualidade xa son as seguintes nove.

A Arribada de exploradores e viquingos

A vila de Baiona foi o primeiro lugar do vello mundo en coñecer a existencia dun novo continente. En marzo de 1493 desembarcou nesta vila Martín Alonso Pinzón, ó mando da carabela Pinta coa nova da existencia de outro mundo e probas que así o certificaban. En recordo daquel feito todos os anos celébrase na vila de Baiona a Festa da Arribada, que se celebrará a vindeira fin de semana -primeira de marzo- na localidade. É esta unha festa histórica e medieval, e, segundo moitos, das mellores entre as que se fan en Galicia. Ademais de postos de artesanía, traxes de época, espectáculos e teatro, ten lugar na praia unha dramatización do desembarco de Pizón con colonos e indíxenas incluído. A festa foi declarada no ano 2015.

Réplica da Carabela La Pinta, a primeira en chegar a territorio europeo logo da descuberta de America / baiona.org

O outro gran desembarco histórico lembrado en Galicia, ano tras ano, dende vai preto de sesenta, é o dos Normandos ou Viquingos ó pé das derrubadas Torres do Oeste, en Catoira. Eran esta a fortaleza que protexía a entrada no esteiro do Ulla e, polo tanto, a entrada por mar cara Compostela. Foron erguidas no século IX, de feito, para protexer á rica cidade apostólica das pillaxes destes pobos. O primeiro domingo de agosto decenas de mozos chegan a bordo de barcos históricos coma o drakkar noruegués Úrsula, e outros barcos de época desembarcando ó pé das torres para conquistalas nunha intensa batalla. Despois celebran a vitoria con abundante viño e comida antes de desprazarse de novo ata a vila de Catoira. A festa foi a segunda en ser declarada en Galicia, no ano 2002.

Desembarco en Catoira / SaramarsesCC0

Os ciclos Santos

Outro dos grandes motivo de festa en Galicia son, pola nosa raíz cultural, as festas relixiosas. Aínda que poida parecer que relixiosas son case todas as festas do país o certo é que a maioría teñen importantes restos de paganismo, sendo unha mistura de tradicións de orixe precristián ou pagán sacralizadas trala romanización. Mais hai un grupo de elas que son relixiosas de seu. Entre elas destacan en Galicia coa distinción de Festa de Interese Turístico Internacional tres: dúas Semanas Santas e un Corpus. Son a Semana Santa de Viveiro e a de Ferrol, as que ostentan esta distinción, declaradas en 2013 e 2014, xunto coa festa do Corpus de Ponteareas, declarada no ano 2009 e celebrada cincuenta días despois das anteriores.

A Semana Santa de Ferrol é sen dúbida entre as de Galicia a de maior fervor relixioso. Procesións que rememoran a paixón, morte e resurrección de Xesucristo a través de pasos e confrarías herdeiras da tradición secular do barroco español. Son, iguais ás de outras latitudes peninsulares, vistosas e solemnes, destacando de entre elas a do Venres Santo, a do Santo Encontro na Praza de Armas, o Santo Enterro, Santa Urna, procesión dos Caladiños, Virxe das Dores e Canto da Salve. O Xoves Santo ten lugar a do Santo Cristo da Misericordia, a máis longa e numerosa, na que participan 1800 confrades, 7 pasos e 9 bandas, xunto coa Brillat.

Imaxe de Semana Santa / javierb34CC0

En Viveiro confrarías e irmandades enchen a vila dun ambiente máis íntimo. Viacrucis e tamboradas son os seus sinais de identidade. Na procesión da Última Cea sácase un paso creado en 1808 por un artesán que retratou ós mariñeiros do porto de San Cibrao coma os 12 apóstolos. Tamén destaca a procesión do Prendemento, dirixida pola irmandade homónima, que leva rechamantes túnicas e capuchas. A do Encontro, o Desencravo o Enterro, ou a dos Caladiños, cóntanse entre as máis importantes. En algunhas delas os portadores van vestidos de negro cun gran capuchón, mentres os fieis os acompañan con velas acendidas.

Cincuenta días despois é a vila de Ponteareas a que recolle a testemuña, co seu tradicional Corpus, o máis vistoso de Galicia. A mañá do día de Corpus as rúas amañecen tapizadas por espectaculares alfombras florais, unha tradición con máis de 150 anos de antigüidade. Sobre elas pasará a procesión do Sacramento. Deseños figurativos ou, sobre todo, xeométricos, que sorprenden polo seu espectacular corido, son confeccionadas polos veciños á noite coma ofrenda ó Santísimo. A procesión pasa por diferentes altares mentres é bañada por pétalos de flores lanzados dende os balcóns. Así o traballo de toda unha noite esváese nun momento.

A festa do panceltismo

Outra das festas declaradas de Interese Turístico Internacional en Galicia nada ten que ver nin coa tradición relixiosa, pagá, nin histórica, senón co sentido da nosa música tradicional e folk. A festa irmándonos coas nacións ou rexións coas que, segundo a tradición, compartimos unha historia de sons común. O Festival Internacional de Ortigueira, dende 1978, é o referente musical do verán galego e unha das citas principais da música folk europea. Ó longo de cinco noites e catro días, adicadas a música de raíz e a chamada música celta, creadores galegos, grupos emerxentes e grandes figuras musicais locais e internacionais danse cita nos diferentes escenarios instalados na capital do Ortegal.

Gaiteiros escoceses / ergeCC0

Mais a experiencia non é so musical, unha programación cultural de todo tipo como exposicións, teatro, artesanía ou desfiles de bandas de gaitas de todo o mundo, reúnense nun festival musical aberto e gratuíto. Hai espazos de acampada libre baixo o piñeiral de Morouzos, aparcadoiros gratuítos, servizos de autobuses, espectaculares praias ó pe dos escenarios e unha unha das mellores representacións a través da música do espírito do atlantismo e do celtismo coma unión e irmandade de pobos unidos polo mar. Declarouse no ano 2005.

Dúas tradicións de raíz neolítica

Se cadra unha das maiores celebracións do noso país é o solsticio de verán. Cristianizada no seu momento coma a celebración do San Xoán, trátase da noite máis curta do ano aínda que desprazada lixeiramente no calendario. É un dos días festivos por excelencia de Galicia, na que o paganismo e tradicións que se agochan na noite dos tempos nos traslada ás orixes máis ancestrais das poboacións do occidente europeo. Ó culto primixenio ó lume, a degustación das sardiñas, o baño nas nove ondas no mar, o salto das cacharelas, o lavar a cara en herbas aromáticas na mañá, a lembranza dos espíritos ancestrais, todo o ambiente desta noite ten por obxecto devolvernos á tempos remotos.

Cacharela de San Xoan / CLMoonlightCC0

Neste sentido A Coruña é sen dúbida o epicentro da festa. Nesta noite na que o  fume invade a cidade, a urbe ten un ton especial, festivo, entre desfiles de bandas e de carrozas e de meigas encarnadas por mulleres da cidade. É a noite na que o Concello reparte toneladas de madeira que se suman ás que os veciños carrexan durante días para confeccionar as máis grandes cacharelas. Ás doce da noite a Meiga Maior prende a falla satírica sobre a vida social e política da cidade e despois dos fogos de artificio os areais de Riazor e Orzán arden ata entrada a madrugada. Pola mañá restos fumeantes da noite evidencian o remate da festa cidade. O San Xoán da Coruña foi declarado no ano 2015.

Outra das festas declaradas de Interese Turístico Internacional, que nos une co noso máis remoto pasado é a tradicional Rapa das Bestas de Sabucedo, no Concello da Estrada. Non é en absoluto a única, pero sen dúbida é a máis importante festa ecuestre de Galicia. Nela os aloitadores enfróntanse ós cabalos de igual a igual sen cordas nin paus, para inmobilizalos e raparlles os cabelos. Tres aloitadores por besta que colaboran ata inmobilizar a todos e cada un dos cabalos salvaxes da parroquia, traídos dende o monte nos días previos. Unha tradición ancestral baixo a protección de San Lourenzo, seguida todos os anos por un multitudinario público. Foi a cuarta en ser declarada, no ano 2007.

Bestas salvaxe no monte / rcannon992CC0

A festa grande do cerne da terra

Afirmaba Otero Pedrayo que a cidade de Santiago de Compostela se atopa fincada no cerne da nosa terra, no chanzo atlántico que abre as terras da Galicia do interior cara as Rías Baixas e a Costa da Morte, e entre o norte e o sur do noso país. No cerne, ou corazón desta terra, asentado entre outeiros graníticos sobre unha descoñecida necrópole romana, se atopa Santiago. A cidade, capital oficial de Galicia, celebra o seu día grande o 25 de xullo, en honra ó día da decapitación en Xerusalén do santo patrón da cidade, lendariamente enterrado nela. Foi precisamente pola influencia de Pedrayo e de outros devanceiros galeguistas que dende o primeiro terzo do século XX se celebra este día coma o día grande de Galicia.

Botafumeiro na festa do Apostolo / acastro19850CC0

E si, esta é tamén Festa de Interese Turístico Internacional, de feito, foi a primeira declarada en Galicia, no ano 2001. A capital galega celebra a súa festa maior no corazón do verán, cun amplo programa que habitualmente inclúe festivais musicais e de folclore, música clásica, concertos de gran formato, charangas, pasarrúas, teatro, animación infantil, cabezudos ou danza. Destaca o xa histórico espectáculo pirotécnico e audiovisual ó pe da catedral, na fachada do Obradoiro, do día 24, no que, coa praza ateigada, faise tamén, dende vai máis dun século, a queima dunha fachada neogótica ou mudexar. O día seguinte a Casa Real española fai no interior do templo a tradicional ofrenda ó Apóstolo, mentres fora, a festividade se traslada ós seus barrios nunha especie de romaría na que galegos de todas as ideoloxías celebran a que, se cadra, é festa maior de todas as de Galicia.

Santiago de Compostela / mumuenaCC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...