fbpx
Vila de Ribadeo / Suso Bande CC0

Así é o afoutado método de Ribadeo para salvar o seu casco histórico

Tempo de lectura: 3 min.

A opción era arriscada, pero dez anos despois o Concello de Ribadeo, capitaneado polo nacionalista Fernando Suárez, demostrou ter a razón, e o casco histórico da vila, un dos máis singulares de Galicia, comeza a ver a luz ó final dun túnel de décadas de decadencia. A estratexia, coas leis de Patrimonio Cultural na man, coller o timón do estado de saúde do seu casarío histórico, e indicar ós propietarios dos inmobles as actuacións que obrigatoriamente deben acometer, antes, claro está, de que os edificios dunha das xoias patrimoniais de Galicia se veñan abaixo.

O procedemento é sinxelo, o Concello, consciente dos inmobles que necesitan arranxos de certa urxencia, notifica ós seus propietarios as obras que deben desenvolver. Polo xeral os veciños, coas axudas tramitadas a través do ARI (Área de Rehabilitación Integral) afrontan as obras. De non ser así, o Concello tramita a multa, e se despois de numerosos chamamentos esta tampouco é atendida, o consistorio pode pasar a acometelas el mesmo pasándolle despois a factura ós propietarios. As obras que se esixen van dende consolidación de fachadas, encalados, substitución ou reparación de baixantes de auga, ou substitución ou reparación de tellados en mal estado.

Ribadeo aproveitou o tirón turístico da praia das Catedrais / SusobandeCC0

Varias foron as claves que permitiron ao rexedor convencer ós seus veciños das medidas excepcionais a adoptar. Por unha banda á vista estaba a necesidade acuciante de salvar o centro urbano, moi deteriorado polo abandono e a perda de poboación do concello das décadas anteriores. O segundo, a auxe do turismo na vila, e a necesidade de captar ós visitantes á exitosa praia das Catedrais. Axudaron tamén as axudas que viñeron coa declaración do ARI, e por último, o feito de que a gran maioría dos inmobles arruinados na vila non eran as dos propios veciños, senón que pertencían a institucións ou non residentes na vila, xente que emigrara fai tempo e deixara estragar as propiedades herdadas.

Aínda que o Concello de Ribadeo é pioneiro no procedemento, e exemplo de aplicación, este en realidade non está a inventar nada. Moitos foron os cascos históricos de Galicia e do Estado que ante situacións de urxencia tiveron que tirar desta metodoloxía, pois segundo a lei 16/85 de Patrimonio Histórico Nacional, herdada despois polas leis galegas, se un propietario non se fai cargo da obriga de conservar en bo estado unha parte integrante dun Ben de Interese Cultural, este poderá ser expropiado polas administracións competentes. Lonxe da expropiación, e tamén segundo a lei, as administracións deberán velar pola protección do patrimonio cultural ó seu cargo tomando as medidas oportunas para a súa conservación. Coas leis de Patrimonio Cultural na man o Concello de Ribadeo está a conseguir salvar o casco histórico.

O resultado, dentro das limitacións que toda vila media de Galicia ten no ámbito económico, foi bastante bo. A instancias de este procedemento Ribadeo conseguiu salvar e rehabilitar os seus edificios máis importantes, coma a Aduana Vella, ou a Torre Vella da rúa San Miguel, o Cine Colón, adquirido por Paisajes de Asturias, o Bar Cubano, ou o Hotel Ribanova, practicamente en ruínas. Outros exemplos foron o antigo cárcere, o colexio Trinidade e decenas de casas do casco antigo, e ata un total de 200 inmobles ós que se lle sumarán outros trinta nos próximos días.

 

O Concello está a actuar tamén sobre a contorna natural de Ribadeo / SartauskiCC0

 

Fontes: La Voz de Galicia, ed. Mariña, Concello de Ribadeo.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...