A Pedra do Home, a misteriosa necrópole dubresa altomedieval esculpida na rocha
Moi preto de Portomouro, na estrada que une Santiago con Val do Dubra e Carballo, outeiro arriba, atópase ó lugar da Igrexa, un alto con vistas ó val do Tambre e ás últimas ondulacións das Terras de Santiago no noroeste. Aquí, allea ó trasfego da estrada, entre a aldea e o monte atópase a singular Pedra do Home. E é que con este nome se coñece un afloramento granítico que ten a singularidade de ter tres sartegos antropomorfos esculpidos na propia rocha.
Son os restos dun antigo cemiterio da Alta Idade Media, probablemente asociada a unha igrexa ou un eremitorio, que desaparecería co paso dos séculos, e que podería estar cimentada sobre a propia rocha. Cunha tipoloxía conxunta, un oco para a cabeza e un espazo trapezoidal máis estreito á altura dos pés para o corpo, están orientados os tres dun xeito uniforme, coa cabeza dos defuntos orientada ó oeste e os pés ó nacente. E este un antigo rito do Cristianismo propio deste momento, gardando exactamente a mesma orientación que a maioría das igrexas cristianas. Aínda que non se coñece a data da súa execución este tipo de tumbas é propia de entre os séculos VIII e XI.
A Pedra do Home leva o seu nome case con completa seguridade pola forma antropomorfa, ou de home, que teñen os tres sartegos. E é que para os veciño, que tamén denominaron ó conxunto Pedra dos Mouros a pedra, coa estraña cualidade de ter tres tales tallas, pasou ó imaxinario colectivo como lugar propio de lendas e visitado por criaturas da mitoloxía popular. Por isto e segundo mostran fotos da época, a pedra tería unhas dimensións moito maiores, polo menos de 5 metros máis, contándose nela unha ducia de sartegos similares ós que se conservan. Por isto, e como en moitos outros casos do noso patrimonio, segundo se di, na década de 1950 foi dinamitado por un buscador de tesouros, Juan do Romaño.
Hoxe a pedra se atopa ben conservada e ben sinalizada, consolidada na súa contorna, e libre de maleza, así como ben iluminada. Foi grazas a unha intervención que se levou a diante pola colaboración do Concello de Val do Dubra e a Consellería de cultura no ano 2010. A pedra conserva aínda o panel informativo, e é sinxelo atopala seguindo as indicacións dende a estrada DP-1914. A Pedra do Home podería ser, segundo os historiadores, de época sueva e parte das cubertas atópanse hoxe no Museo do Pobo Galego. É de destacar que os sartegos non miden máis de 1,50, co que para a mitoloxía popular sería tamén a rocha “da xente pequena”.