fbpx
Ponte Cabirta no concello de Ames / foto Concello de Ames

Ames e a Deputación da Coruña rehabilitarán os restos dunha das pontes máis singulares de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

“Contaban os vellos que estaba encantada, e que dela saía ó amencer unha galiña con pitos de ouro, e o que soubese desencantala levaría un gran tesouro”. Esta é a lenda que se conta da Ponte Cabirta, no concello de Ames, unha ponte sobre o río Sar, moi preto do castro de Quistilláns, que se conserva xunto cunha calzada e que, segundo Patrimonio Galego, podería ser medieval.

A ponte ten a singularidade de estar configurada por un arco de cuarto de punto, ou con media luz, estribando a chan e lateral. “O seu ancho”, segundo di a web, ” era maior que o dun carro e tiña a particularidade de que cruzaba o río sobre unha fervenza, ó facelo sobre dúas rochas de distinta altura o seu único arco é de cuarto de punto”. En 1987 perderíase a súa plementería ou recheo.

Ponte Cabirta coa súa plementería / foto Patrimon

Un roteiro e unha necesaria rehabilitación

A ponte e o anaco de antiga calzada que a cruza foron recuperados do esquecemento no ano 2017. Foi daquela cando o Concello de Ames estableceu un roteiro de sendeirismo pola súa contorna. Agora, tras unha iniciativa do Concello de Ames e da Deputación da Coruña, coa colaboración da Plataforma pola defensa do río Sar, a ponte e a súa contorna por fin serán rehabilitadas

E é que o pasado venres, 17 de xullo, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción do Patrimonio Histórico do Concello de Ames, David Santomil, asinaron o convenio para a rehabilitación da Ponte Cabirta.

O proxecto permitirá protexer e consolidar a calzada e o arco desta ponte sobre o río Sar, na parroquia de Bugallido. Contémplase a rehabilitación do paso peonil, a consolidación da obra de fábrica sen alterar a xeometría actual e a reparación do lousado das ribeiras. A obra terá un orzamento de 36.000 euros dos que a Deputación aportará 27.000 e o concello 9.000.

Ponte Cabirta, proxecto / foto Concello de Ames

Recuperación da calzada, unha pasarela e elementos de protección

Para o desenvolvemento do proxecto faranse tarefas de desbroce en ambas marxes, nunha franxa de 6 metros. Á súa vez, protexerase o camiño coa instalación de dous canos de 30 centímetros para a drenaxe transversal de augas de escorrentía, e outro con 60 centímetros para cruzar a canle existente. Tamén se construirán dous badéns de pedra coa mesma finalidade.

Pola súa parte a construción do novo paso adaptarase ao réxime hidrolóxico, reducindo ó mínimo o impacto na sección natural neste tramo do río. O material escollido para a pasarela será de aceiro corten e a estrutura contará cunha varanda  na rocha para indicar a dirección de tránsito na zona dereita da pasarela, que contará tamén con dous chanzos.

Ademais a obra proxecta tamén a instalación de dous bolardos de sección cadrada para soportar os impactos das arbores que poida arrastrar o río nas crecidas e a colocación de sinalización que indique a necesidade de precaución no novo paso. Trátase dun proxecto cun especial coidado para recuperar unha das pontes máis singulares de Galicia.

Ponte Cabirta, visita e presentación do proxecto / foto Concello de Ames

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...