Cando o patrimonio se converte nun problema, ruídos e aglomeracións nocturnas en dous pazos de Nigrán
“O meu nome é Cesar, un veciño do concello de Nigrán. Non estou a recorrer a estes medios para denunciar, pero xa estou farto”. Así denuncia un veciño desta localidade o problema do seu barrio co ruído nocturno xerado por dous pazos da zona, convertidos en establecementos hostaleiros. “Dende o xoves ata o domingo o movemento nocturno nos impide descansar”, denuncian.
E é que os residentes deste barrio están xa en pé de guerra contra os ruídos. Trátase dos pazos de Cea e Urzaiz, reconvertidos en establecementos onde se celebran acontecementos como vodas. “É algo que se repite todos os días, botellas, berros, pelexas, vómitos, portais e coches ouriñados, lixo nas rúas e enfrontamentos entre estes mozos e os residentes”. Denúnciase tamén que “durante 4 ou 5 anos tamén foron “usados” para concertos e vida nocturna”.
Denúnciase tamén que no lugar se producen aglomeración sen medidas sanitarias. “Máis preocupante é que neste período pos-pandémico non hai o máis mínimo respecto, xa que estas persoas poden facer multitude e poñer en risco o noso barrio xa que, como podes imaxinar, o uso dunha máscara é cero”.
Afirman ademais que as institucións non dan solución ó problema. “Sempre chamamos tanto á policía local como á garda civil, pero todos están de acordo en que se trata dunha cuestión política e que ata que se mova a ficha correcta, o único que temos que facer é resignarnos”.
“Neste momento estamos en contacto coa subdelegación do goberno e a Valedora do Pobo, pero aínda así tememos que se non facemos eco dos nosos problemas non lograremos nada”. Denuncia, ademais, que os locais teñen licencia ata as 5 da mañá mais que no lugar ata as 7:30 aínda hai xente.