fbpx
San Francisco / foto titosoftCC0

Os conventos medievais franciscanos toman nova vida e novos significados

Tempo de lectura: 3 min.

As novas tecnoloxías seguen a ter un papel moi importante na recreación e recuperación da imaxe do patrimonio global. A recreación virtual de exemplos perdidos ou moi modificados de algúns elementos do patrimonio é unha posibilidade na que se están a desenvolver moitas iniciativas. Unha destas iniciativas debatirase estes días en Santiago no o Congreso Internacional Francisco de Asís, o Santo e os seus frades. Proxección no Occidente medieval. Nel se presentará a iniciativa de recreación de mosteiros medievais franciscanos en Castela e en Galicia fronte a posibilidade nalgún deles da súa desaparición.

A finalidade é mostrar cal era a súa imaxe real na Idade Media, co que a través de fontes textuais e patrimoniais diversas, os expertos están tratando de recuperar conventos medievais xa desaparecidos ou que se foron reformando ó longo do tempo, perdendo o seu aspecto orixinal. En Galicia a maioría dos conventos franciscanos, localizados polo xeral extramuros das antigas vilas, mantéñense en bo estado de conservación, mais no congreso proporase a análise de exemplos con orixe claustral como San Francisco da Coruña, ou San Francisco de Louro en Muros, entre moitos outros.

Tamén durante as xornadas trataranse as devocións que suscitaba esta orde na Idade Media, a través do estudo de obras de arte, en particular pinturas e esculturas e mediante a recuperación deste patrimonio en Galicia. Búscase poñer en valor unha serie de imaxes que son descoñecidas na actualidade por falta de uso e que, co tempo, foron perdendo a súa función inicial. Nesta liña estanse a recuperar unha serie de esculturas funerarias e outras obras vencelladas co ámbito funerario, que servían para transmitir devoción na Orde Franciscana. Trátase de recuperalas no seu contexto orixinal. 

Un congreso esencial para entender a Idade Media

O Congreso Internacional sobre Francisco de Asís, está promovido pola Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares e é unha iniciativa que se desenvolve en colaboración coa Universidade de Santiago, a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e nel colabora tamén a Provincia Franciscana de Santiago. O congreso comezaba na mañá de hoxe no Convento de San Francisco da cidade e prolongarase ata o vindeiro xoves, 19 de xullo. As xornadas do xoves e venres celebraranse porén no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia.

Segundo a organización é un congreso aberto a toda a sociedade, que pretende ser unha actualización dos estudos franciscanos ante o achado de novas fontes. Pretende aspirar así a ser unha revisión sobre o contexto franciscano feita polos principais expertos nacionais e internacionais da orde franciscana de disciplinas diversas. No congreso analízanse as orixes da Orde e das súas diferentes ramas, que ata o de agora eran incertas, o que permitirá dar resposta a importantes preguntas que ata o de agora ficaban aínda sen resposta. No evento, coordinado por profesoras de Historia, Historia da Arte e Filoloxía da Universidade de Santiago, participarán membros de universidades e organismos de investigación de Italia e Portugal, xunto a outros procedentes de diversas universidades de Galicia e do resto de España.

Imaxe paradigmática dunha igrexa franciscana / foto turismo.gal

E é que San Francisco de Asís e as ordes franciscanas tiveron unha importante contribución ao longo da Historia. Non so en Galicia senón ó longo de toda Europa as congregacións franciscanas fixeron unha inxente labor cos estamentos desfavorecidos da sociedade, sinal do cal era a propia localización dos seus conventos. Mais tamén influíron en outros estamento como a monarquía ou a burguesía, así como se configuraron tamén nun axente de diálogo co mundo musulmán. Así, coñecer, por tanto, a influencia do mundo franciscano na nosa historia implica coñecer sen dúbida a Idade Media, sendo este o obxectivo que se presenta neste congreso, botar luz sobre unha época en realidade “luminosa e chea de atractivos”.

Pode que che interese...