A turistificación chega á Mariña; un castro convertido nun aparcadoiro en Barreiros
ADEGA e Mariña Patrimonio acaban de denunciar no SEPRONA a utilización do Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia, no concello de Barreiros (Lugo), como aparcadoiro de autocarabanas.

Coches e caravanas aparcados xusto nun cartel que anuncia o Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia / Mariña Patrimonio
Segundo suliñan estas entidades, o castro é un ben patrimonial incluído no catálogo das Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Barreiros e a súa cualificación urbanística é de solo non urbanizable de protección patrimonial. “As Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Barreiros outórganlle ao Castro de San Pedro unha proteccion que consideramos que non é compatible co uso que se lle está a dar actualmente como aparcadoiro de autocaravanas nin como lugar de tránsito destes vehiculos, posto que esta práctica pode estar provocando danos no xacemento, un ben patrimonial protexido”, denuncian.
A través dun comunicado din que as actividades que se están a realizar no Castro de San Pedro probablemente son contrarias á normativa urbanística e, ademais, poderían estarse levando a cabo sen contar coas correspondentes licenzas.
Por iso, piden que se comprobe se o uso que se está a dar no Castro da Punta de San Pedro é conforme á legalidade e que, no caso de non selo, se paralicen as actuacións contrarias a Dereito nun ben patrimonial incluído no catálogo de bens protexidos polo planeamento urbanístico.