fbpx
Monte Pindo con Fisterra ó fondo / foto Cheligrafía CC0

Cando o arcebispo Xelmírez excomungou ó monte Pindo

Tempo de lectura: 5 min.

“Reis, bispos e presbíteros, todos por poderes recibidos de Deus, excomungaron aquí este castelo”.

Así reza unha inscrición que se conserva aínda a día de hoxe gravada na pedra nunha das antas do monte Pindo. E é que houbo un momento da nosa historia no que o arcebispo Diego Xelmírez acabou por excomungar ó territorio do monte tras algúns sucesos recollidos tamén na Historia Compostelana. A simple vista non é de estrañar, un santuario lítico, olimpo celta, centinela da fin da terra, o Pindo sempre foi un monte que produciu admiracións a todas aquelas culturas que moraron nel e a todas aquelas xentes que pola costa divisaban a maxestosidade da súa silueta granítica ó achegarse á fin do continente europeo.

E é que a posición do monte Pindo é especialmente singular. Habitado polo menos dende o neolítico, con restos de todas as épocas e depositario como ningún de singulares tradicións e lendas, o Pindo foi rebautizado pola historiografía romántica do século XIX como o olimpo sagrado dos deuses celtas, debido sobre todo a inmensa acumulación de tradicións pagás sobre el. Sobre el escribira xa o Padre Sarmiento, quen recollera moitas desas lendas e que tamén o relacionara co Pindo grego, e tamén Otero Pedrayo o denominara “grande testa xupiteriana”.

Castelo de San Xurxo no Pindo / foto Noel Feans Wikimedia CCBy

Como é ben sabido, é un dos máis impresionantes montes da costa galega, un afloramento granítica como poucos. Composto dunha sucesión de impresionantes penedos de granito visto, que se erguen coma unha inmortal familia de xigantes escultóricos que miran ó mar. Mais esta non é razón de por si para a excomuñón dun monte. Pois era en realidade a primeira vez que se coñece no ámbito peninsular que a maior autoridade relixiosa dun reino excomungaba a un territorio. Pois se ben a excomuñón durante a Idade Media era un castigo que estaba presente día a día, polo xeral estaba reservado ós fieis, a persoas determinadas, non, polo tanto, a un lugar, monte ou a un territorio en concreto.

Submisión ideolóxica da zona

“multi ex illis terris, tam milites, quam rustici, diabólico, instinctu stimulati in eum insurgentes captioni mancipaverunt, & eum dehonestantes & verberantes, & a suis equitaturis & vestimentis cum suis sequacibus privantes, in carcerem immisericorditer retruserunt”

Mais que o levou a excomungar o lugar? Segundo recolle a Historia Compostelana o pobo de Carnota, estimulado por inspiración do diaño, levantouse no monte contra o arcediago do bispo, Arias Muñíz, descabalgándoo, prendéndoo, despoxándoo das súas roupas, azoutándoo e recluíndoo inmisericorde no cárcere do castelo de San Xurxo que se atopaba daquela no propio monte.  Foi a chamada Revolta de Carnota, para a que a Historia Compostelana non conta os motivos polos que se produciu, mais si conta  que os habitantes do lugar eran uns  eran uns ignorantes, feros e indisciplinados e que Arias Muñíz estaba a tratar de instruílos e iluminalos nas sagradas escrituras.

“quia Clero & populo illarum terrarum, qui erant idiotae & fere indisciplinati, veritatem austere praedicabat, & eos ut vir bonus & discretus Sacrae Scripturae praeceptis instruere & illuminare volebat” 

Segundo o texto, Muñíz predicaba con austeridade e verdade ó clero e ó pobo. Así, como en tantas outras pasaxes da nosa historia, o arcediago debeu loitar para someter na súa relixiosidade a un pobo aínda inzado de tradicións precristiás. Moitas delas perviven aínda ata hoxe en día, e están na súa meirande parte inspiradas nunha serie de crenzas de divindades naturais asociadas ó lugar. Pozas de auga bendita, ritos de fecundidade asociadas ás pedras, santuarios líticos, regatos con poderes curativos, plantas sandadoras, árbores sagradas, imaxes escultóricas imaxinadas nas rochas ou tradicións pagás ligadas ó solsticio de verán.

O Guerreiro do Monte Pindo / wikipedia

Un dos guerreiros do Monte Pindo / José Antonio Gil García, wikimedia CCBy

Son todas elas tradicións que se conservan aínda hoxe en día ligadas a este recuncho do fin da terra e que se repiten constantemente en todos e cada un dos santuarios e montes da Costa da Morte. Mais probablemente este non foi o motivo real da revolta. é pouco probable que o pobo se levantara contra a submisión ideolóxica que se lle trataba de impor. Máis alá dalgunhas capelas e cruces espalladas polo territorio non conservamos testemuñas históricas dunha verdadeira persecución ás crenzas precedentes, e dada a pervivencia ata a actualidade probablemente non houbera de feito tal.

As loitas de poder entre Xelmírez e os Traba

Mais pola contra o monte Pindo si era, ante todo, durante a Idade Media un dos lugares naturais mais privilexiados para a defensa do territorio e da costa. No monte constátase a presencia de tres fortalezas, San Xurxo, Canedo e Penafiel, que se empregarían como bastións na defensa fronte os ataques dende o mar ou como praza forte no xogo de poder da nobreza galega durante todo o medievo. O máis antigo e importante dos tres foi o castelo de San Xurxo que se ergueu no século X como defensa ante as incursións polo mar de Normandos ou Viquingos. Foi por obra do arcebispo Sisnando II quen tamén ergueu as Torres do Oeste.

A fortaleza do Pindo foi daquela un dos castelos máis importantes da costa galega, e unha das prazas máis importantes para a defensa das entradas naturais dende o mar a Compostela. É por isto que esta preza forte, que segundo se conta, nunca caeu en batalla, foi durante a Baixa Idade Media un espazo de disputa entre os señoríos composteláns e os señores da Costa da Morte. Así o maior enfrontamento foi o que mantiveron os poderosos Traba coa mitra, en concreto o todopoderoso Xelmírez contra Rodrigo Pérez en pleno século XII.

Gravado de excomuñón do monte / Galicia Confidencial

O monte Pindo xogara daquela unha loita de poder capital entre estes dous nobres, especialmente cando entrou en xogo a figura de Pedro Muñíz, o arcediago da mitra compostelá. Se ben o castelo de San Xurxo do Pindo estaba estaba ameiriñado por Rodrigo Pérez de Traba, un dos últimos nobres da estirpe, pertencía de feito ó señorío de Trastámara, que discorría dende o sur do Xallas ata a ría de Noia. O señorío pertencía daquela a Pedro Muñíz, arcediago de Xelmírez quen ademais ostentaba o poder relixioso na Costa da Morte.

É así como sucede a chamada Revolta de Carnota. O episodio citado pola Historia Compostelana é unha liorta na que o pobo armado prende o arcediago no monte e o leva preso ós calabozos do castelo. Segundo o texto foi o diaño, máis segundo se desprende sería Rodrigo Pérez quen instigaría ó pobo, saíndo segundo se di, os labregos dende este mesmo castelo. Este sería o episodio que levantaría a cólera do bispo, quen sabéndose incapaz de conquistar o castelo e tras negar Rodrigo a súa participación no suceso optaría pola excomuñón de todo o territorio do monte Pindo.

Monte Pindo desde o miradoiro do Ézaro / turismodegalicia.gal

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...