Colabora para que a figura de Luís Seoane chegue a todos os colexios galegos
O Día das Artes Galegas homenaxea neste 2019 ao pintor, Luís Seoane, un dos artistas máis relevantes do século XX. E para destacar este feito, a Rede do Patrimonio Cultural, a través da petición da asociación Roxín Roxal, acaba de poñer en marcha unha iniciativa para que todas escolas galegas difundan o legado do artista entre os máis novos.
“Conscientes de que o mellor camiño para a conservación do Patrimonio é o coñecemento, na Rede do Patrimonio Cultural, facemos nosa a súa inquedanza e sumámonos á celebración deste día, cun documento sinxelo, ameno e con rigor que achegaremos a tódolos centros de ensino do país”, apunta a entidade.
O documento pretende achegar aos docentes e alumnos maiores das escolas e institutos a figura do homenaxeado. Trátase dun folleto que pode ser distribuído de forma online, por enderezo electrónico, redes sociais ou WhatsApp. “A nosa intención é preparar éste tipo de documentación informativa nas datas máis salientábeis do calendario vencellado ao patrimonio”, apunta.
Pódese imprimir en formato A3 ou mesmo facer con el un panel de ata 70 cm por 100 cm. O material xa foi enviado vía correo electrónico a todos os centros de ensino de Galicia.
Podes descargar o material AQUÍ .Se algún docente quere recibir de forma individual o material só ten que escribir a redepatrimonio@gmail.com

Material de Luís Seoane para distribuír no Día das Artes Galegas