fbpx
Carballos centenarios xa cortados / foto X. Costa

A Xunta non sancionará a corta da carballeira do acceso ao mosteiro Santo Estevo de Ribas de Sil, a pesar de que se fixo sen permiso

Tempo de lectura: 2 min.

A Consellería do Medio Rural, en resposta a corta dunha carballeira centenaria nos accesos ao mosteiro de Ribas de Sil da que xa falamos en Historia de Galicia, apunta que estaban en terreos clasificados como Solo de Núcleo Rural (SNR) e, polo tanto, non protexidos por Patrimonio. Iso, a pesar de recoñecer que se fixo sen os permisos pertinentes.

Esta é a súa resposta:

Asunto: Corta de carballeira, danos nos muros das que foron posesións do mosteiro, danos no antigo camiño de acceso a Santo Estevo de Ribas de Sil

En relación ao seu escrito con rexistro de entrada de 4 de abril de 2019 sobre o asunto de referencia cabe informar o seguinte: Sitúase a tala de carballos na parcela 73 do polígono 78 do concello de Nogueira de Ramuín (Ourense), cunha superficie total de 5,98 ha..a corta de arborado afectou a 3.084 m2 incluídos en esta parcela.

Consultada a planimetría correspondente as Directrices de ordenación do territorio deste concello, comprobouse que a parcela na que se realizou a corta consta dunha parte clasificada como Solo de Núcleo Rural (SNR), consistente nunha franxa de ancho variable lindeira coa estrada, e o resto da parcela clasificada como solo rústico.

Os carballos cortados atópanse todos eles na zona Solo de Núcleo Rural, e polo tanto fóra do ámbito de aplicación da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia.

Corta dunha carballeira centenaria no entorno do mosteiro de santo Estevo de Ribas de Sil / X. Santos

Na documentación existente no servizo non consta ningunha solicitude de autorización de corta, nin declaración responsable en montes ou terreos forestais de xestión privada para esta parcela.

Por outra banda o tramo de muro desmontado está situado tamén en solo de núcleo rural e non parece recente o seu derrubamento que se produciu ao longo de uns 10 metros de lonxitude.

Todo o anterior sen prexuízo das actuacións que correspondan por estes feitos ás Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e a de Cultura e Turismo, dentro das súas competencias.

Ourense, O xefe do Servizo de Montes 

Pode que che interese...