fbpx
Via Nova ao seu paso pola Baixa Limia / Panoramio

O Camiño de San Rosendo…. O outro gran camiño de peregrinación que naceu nunha vía romana

Tempo de lectura: 2 min.
O Camiño xacobeo entra en Galicia pola Portela do Home, ao través da anterga Vía Nova, vía romana tamén coñecida como Geira. Métese no Xurés ao través do Concello de Lobios polo Val de Río Caldo, onde abrollan os mananciais termais de Os Baños. Logo sobe pola marxe esquerda do río Limia ata Parade Ventosa, xa no concello de Muíños, onde atravesa o río na presa das Conchas e chega á igrexa visigótica de Santa Comba de Bande; polos montes deste concello diríxese á Portela do Vieiro, entrando no Concello de Verea para encamiñarse á parada obrigatoria de San Salvador de Celanova. Xa por terreos do Arnoia, atravesa o concello de Cartelle, A Merca, San Cibrao das Viñas e Barbadás, enlazando en Ourense coa Vía da Prata.

Hai dez anos diferentes asociacións da Baixa Limia solicitáronlle á Consellería de Cultura o recoñecemento oficial de camiño xacobeo para o “Camiño de San Rosendo” ou “Caminho da Raínha Santa“; vía de peregrinación a Compostela que vén de Braga e entra pola Portela d’Homem, aproveitando o antigo trazado da vía romana XVIII ata Santa Comba de Bande, onde se separaba da mesma e seguía polo Alto do Vieiro e Celanova ata Ourense, enlazando coa vía da prata.

Así mesmo, con data 25 de marzo do 2010, reunidos en Celanova os alcaldes dos concellos polos que pasa o camiño (Lobios, Entrimo, Muíños, Bande, Lobeira, Celanova, Cartelle, A Merca, Verea, San Cibrao das Viñas e Barbadás), acordaron por unanimidade, que este camiño sexa recoñecido oficialmente camiño xacobeo, como un ramal do camiño Mozárabe e que se lle aplique a sinalización apropiada.

Estado da Via Nova ou Via XVIII antes a súa limpeza / www.eicduran.com

Logo de non ser escoitadas as súas peticións, novamente, con data de 4 de novembro do 2015, diferentes asociacións dos concellos implicados, volveron presentar a documentación histórica do camiño, reclamando a súa solicitude de ser recoñecido Camiño de Santiago ante a Xefatura de Servizo de Protección e Fomento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Catro anos despois, e logo de nunmerosos requerimentos, o Grupo Parlamentario Mixto, a través dos deputados de En Marea Paula Vázquez Verao e Davide Rodríguez, presentaron unha iniciativa no Parlamento galego para solicitar a incursión do camiño Xacobeo de San Rosendo, como camiño xacobeo de peregrinación a Santiago, dotalo da sinalización propia do Camiño de Santiago, elaborar un plan director para conservar o Camiño, potencialo e dotalo da rede de albergues axeitada e establecer contactos coas cámaras de Terras de Bouro, Amares e Braga para que se leve a cabo a mesma actuación na parte portuguesa do camiño.