fbpx
Canzorros de San Salvador de Asma / foto José Antonio Gil Wikimedia CCByMartínez Wikimedia CCBy

Pílula histórica: San Salvador de Asma, a pequena xoia medieval de Chantada pola que puxan as inmobiliarias

Tempo de lectura: 2 min.

Localizado a escasos quilómetros da vila de Chantada, San Salvador de Asma é se cadra un dos mosteiros máis descoñecidos da Ribeira Sacra, na súa conca do Miño. É un mosteiro que se remonta ó século IX, cando, segundo os documentos, don Ero Ordóñez e a súa dona Adosinda recadan doacións para fundar unha congregación que estaría xa documentada en activo no ano 1073.

Pero este mosteiro está á venda…“Véndese mosteiro do século X cunha propiedade de 5 hectáreas ó seu redor. Mosteiro con moito valor patrimonial xa que ten uns 1000 anos de antigüidade. Está en plena Ribeira Sacra, zona con moita sona e que está tendo moita afluencia xa que é BIC (…). Ideal para negocio hoteleiro, casa de turismo rural ou albergue (…). Boa oportunidade de negocio. Pódese vender toda a propiedade ou parte”.

Este anuncio apareceu, tal e como xa informou HdG, no portal Milanuncios no que, ademais, daban conta de que se atopa declarado BIC e nunha zona “nomeada para Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”. Tamén se repara na súa cronoloxía e na súa singularidade, e reflicte a perfección á capacidade que teñen os nosos grandes mosteiros galegos como catalizadores de negocio.

Grandes riquezas

Como tantos mosteiros galegos é de orixe medieval conservando gran cantidade de elementos da súa etapa románica. San Salvador de Asma é famoso sobre todo polos seus excepcionais motivos escultóricos tales como una singular colección de canzorros animados ou capiteis vexetais e zoomorfos. No mosteiro poden atoparse figuras tan singulares como grifos ou cuadrúpedes que comparten cabeza ou a excepcional representación de Sansón co león.

Canzorros de San Salvador de Asma / foto José Antonio Gil Wikimedia CCBy

No interior tamén conserva aínda parte da estrutura románica, cun singular ábsida así como numerosos elementos arquitectónicos na súa zona conventual. Esta procede na súa meirande parte dos séculos XVII e XVIII destacando polo seu singular claustro, seguramente do XVII, un exemplos singular pola súa forma octogonal, ou pola fachada conventual e da súa igrexa. Tamén destaca polo seu retáblo do XVI e polas súas singulares tallas.

Fachada de San Salvador de Asma / foro LoischantadaWikimedia CCBY-SA 3.0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...