Vistas do río Ulla desde o castro de Bexo / XS

Queres axudar a deseucaliptizar un dos grandes castros da desembocadura do Ulla

Tempo de lectura: 2 min.

O Castro de Bexo, tamén coñecido como “As Murallas” e do que xa falamos en Historia de Galicia, está catalogado por Patrimonio e é un dos asentamentos máis grandes de toda a zona, pola súa posición estratéxica. A Comunidade do Monte Veciñal en Man Común da Cruz do Avelán ten acordado a súa recuperación, redactando un proxecto de xestión arqueolóxica que inclúe a erradicación do eucalipto en todo o seu perímetro. Tamén nos últimos anos se realizaron varias intervencións de retirada desta especie. O responsábel polo proxecto de xestión arqueolóxica deste xacemento é o arqueólogo Carlos Otero-Vilariño, tamén co-editor da “Atlas arqueolóxico da paisaxe galega”.

Este castro, como tantos outros elementos do patrimonio cultural galego que acollen os nosos montes, encóntrase degradado e oculto pola invasión de eucalipto que non só impide o seu coñecemento e gozo pola sociedade se non que, lume após lume, converte esta paraxe única e con espectaculares vistas da ría de Arousa e brañas do Ulla nun deserto baixo aparencia verde.

Na última semana de marzo de 2019 un enorme lume arrasou máis de 1.000 hectáreas dos concellos de Dodro e Rianxo, facendo perigar casas e vidas e destruindo todo ao seu paso. O lume iniciouse debaixo dunha liña de alta tensión, ao pé do Castro de Bexo.
No ano anterior, o 16 de xuño, 50 voluntarias das Brigadas deseucaliptizadoras participaran nos traballos de recuperación da croa do Castro, eliminando os eucaliptos nunha acción en parcería coa Asociación Cultural Unidade Veciñal de Dodro, a Asociación Veciñal de San Xoán de Laíño e a Comunidade de Montes da Cruz do Avelán. Culminada con éxito esa intervención, os traballos previstos tiveron que paralizarse polos impedimentos postos na altura polo goberno municipal de Dodro. De continuaren os traballos, talvez o lume dese mes de marzo nunca se tería producido.

O divulgador Elixio Vieites e o impulsor do proxecto de recuperación do castro de Bexo, Xoán Xosé Vicente / XS

Voluntariado

Por iso, e baixo o espírito do “Lumes Nunca Máis!” as Brigadas deseucaliptizadoras voltan de novo e con forza ao Castro de Bexo o sábado 17 de agosto para dar un pulo á restauración ambiental e patrimonial deste importante espazo. “Os traballos comezarán ás 10 da mañá, pero é imprescindíbel estar puntualmente no punto de encontro (o Parque da Cruz do Avelán) ás 9h30 para irmos xuntas á zona da intervención”, apuntan os organizadores.

Para participar nesta acción é imprescindíbel en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria de 17 de agosto mediante un correo electrónico a [email protected] A data límite para apuntarse é o 12 de agosto para poder organizar ben a comida de albaroque e demais loxística, pois contamos con chegar ao limite de 50 brigadistas participantes (por orde de inscrición). Desta volta, participan como anfitrións locais o Concello de Dodro, a Asociación Cultural Unidade Veciñal de Dodro, a Asociación Veciñal de San Xoán de Laíño e a Comunidade de Montes da Cruz do Avelán.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: