fbpx
Asalto a un castelo medieval / diario-fernandez.com

A Torre de Castenda, a fortaleza pantasma que destruíron os Irmandiños

Tempo de lectura: 4 min.

Artigo de Iván Martínez Suárez (Tordoia), físico seducido pola historia

A parroquia de Santa María de Castenda da Torre localízase no sur do concello de Tordoia, na comarca de Ordes.  Un lugar que xorde do topónimo Torre, que aparece no topónimo parroquial deste concello. Hoxe, desta torre non existe nin unha pedra. Cal é entón a historia desta fortaleza pantasma?.

Igrexa de Santa María de Castenda da Torre / turismo.tordoia.es

Territorio de Montaos

Para tentar reconstruír parte da súa historia hai que remontarse ao século XV. Á morte do seu pai, en 1445, Pedro Bermúdez de Montaos,«O Mozo», recibe diversos feudos do arcebispo de Santiago, Álvaro de Isorna, entre os que se atopan os territorios das parroquias actuais de Santa María de Castelo, San Cristovo de Leobalde, Santiago de Numide e Santa María de Castenda(Valdés, 2008). Ata o seu falecemento sen sucesión en 1463,«O Mozo» foi especialmente belixerante co poder arcebispal de Santiago, chegando a unirse á Irmandade de Cabaleiros de Santiago en 1458, sendo acusado de rebelión.

Sucederao na administración o seu irmán maior (Genealogía Bermúdez de Castro, 2018), Fernando Bermúdez de Castro (primeiro en utilizar este apelido), adicado á carreira relixiosa e autoproclamado I Señor de Montaos durante o exilio do arcebispo Alonso II de Fonseca por mor da Gran Guerra Irmandiña (1467-1469). Finalizada a contenda, chegará a alcanzar o priorado da Colexiata de Santa María do Campo da Coruña e mesmo a dignidade de deán da catedral de Santiago, co favor do papa Alexandre VI. Antes do seu pasamento, en 1515, logra a lexitimación do seu fillo natural, Pedro Bermúdez de Castro, por parte dos Reis Católicos, establecendo así o vínculo e morgado de Montaos no seu favor (Genealogía Bermúdez de Castro, 2017).

Preito de Tavera-Fonseca

Pero a principal referencia a esta torre está no Preito de Tavera- Fonseca. Durante o ano 1524 o futuro cardeal Juan Pardo de Tavera é nomeado arcebispo de Santiago, en substitución de Alonso III de Fonseca (precursor da universidade compostelá), que pasa a ocupar ese mesmo cargo en Toledo. Á súa chegada ao poder, Tavera reclámalle a Fonseca unha indemnización pola destrución das fortalezas da mitra compostelá nos tempos das revoltas irmandiñas, sendo arcebispo Alonso II de Fonseca, e tamén pola posterior inacción e neglixencia de Alonso III de Fonseca na reparación destas pertenzas e na persecución dos malfeitores. O proceso culmina nun preito entre ambos arcebispos, que chaman a declarar a testigos de toda condición e procedencia, que presenciaran no seu momento a destrución destes bens e fortalezas nas súas zonas de orixe.

Entre todos estes testimonios e descricións, convenientemente transcritas e publicadas en 1984 polo profesor Ángel Rodríguez González (Rodríguez, 1984), destacamos a declaración de Pedro de Vigo, ferreiro e veciño de Santiago, en 1526:«La dicha Hermandad fue sobre la Rocha Fuerte de Santiago, la trabucara hasta que la tomaron y después la deshicieron del todo y después fueran a la Barrera, Cira, Torre de Castenda y Fortaleza de Porras».

O castelo da Rocha Forte, situado en Santiago de Compostela, seguramente o máis emblemático da mitra compostelá, foi destruído ata os alicerces na Gran Guerra Irmandiña de1467; polo tanto, cabe agardar que a mencionadaTorre de Castenda correse semellante sorte pouco despois.

Estado de Montaos

A liña sucesoria do señorío de Montaos continúa durante o século XVI, ata que en 1592 accede ao poder Beatriz Bermúdez de Castro y Menchaca, logo do asasinato da súa nai a mans do seu pai e sendo ela aínda unha nena. É tutelada legalmente polo seu avó paterno, Juan de Menchaca, quen, en 1596, encarga un«reconocimiento e inventario general de todos los bienes del “Estado” de Montaos», onde se recollen propiedades, tributos e organización das diferentes merindades.

Neste apeo (Arquivo Histórico USC), realizado «en los Palacios de Lestrove» (San Pedro de Benza), no apartado referente ás propiedades en Castenda recóllese que«tiene (…) la señora en la dicha feligresía de Castenda una fortaleza con su barrera y barbacana, y puente lebadiza, y tiene dos torres con su zerca al derredor, y foso con agua, esta caida la puente, y el tejado y suelos, por lo qual no se puede vibir en ella».

Esta descrición demostra que, máis dun século despois da destrución da fortaleza de Castenda, a estrutura segue a ser claramente recoñecible (menciónanse dúas torres); ademais, probablemente siga a ser un dos principais lugares desta merindade, como sen dúbida fora en tempos pretéritos.

Localización actual

Das fortalezas e castelos que, segundo se menciona no Preito de Tavera–Fonseca, foron destruídas case a un tempo (Rocha Forte, Barreira, Cira, Castenda e Porras), consérvanse restos visibles de todas, menos da Torre de Castenda. Hoxe, en Castenda, segue a existir un lugar denominado A Torre, moi próximo á igrexa parroquial. Esta, de estilo barroco, data do s. XVIII e está construída na súa totalidade con pezas de cantería.

Por outra banda, o tempo transcorrido entre o apeo do Estado de Montaos (1596) e a construción da igrexa é similar ao que pasou entre a destrución parcial da fortaleza (1467) e o propio apeo; dado que a estrutura principal do castelo continuaba en pé máis dun século despois do seu derribo parcial, ten sentido pensar que aínda un século máis tarde podería atoparse nun estado de conservación non moito peor. Isto, unido á cercanía entre a antiga fortaleza e a actual igrexa, á construción da última con pezas de cantería e á ausencia de restos do castelo fan pensar que as pedras deste puideron ser reutilizadas para poñer en pé a igrexa.

Situación actual da igrexa (amarelo) e localización aproximada da fortaleza (vermello), a unha distancia duns 100 metros / Google Maps

FOTO Situación actual da igrexa (amarelo) e localización aproximada da fortaleza (vermello), a unha distancia duns 100 metros (fonte: Google Maps)

Referencias

Arquivo Histórico USC. (s.f.).Apeo xeral do Estado de Montaos en 1596 (imaxe 119, parte final). Obtido de https://arquivo.usc.es/ahus2/showDescripcion/529211

Genealogía Bermúdez de Castro. (2017).Del señorío de Montaos al Estado de Montaos. Obtido de http://genealogiabermudezdecastro.es/BERMUDEZ-DE-MONTAOS/DEL-SENYOR-O-DE-MONTAOS-AL-ESTADO-DE-MONTAOS/

Genealogía Bermúdez de Castro. (2018).Genealogía de Fernando Bermúdez de Castro. Obtido de http://genealogiabermudezdecastro.es/ORIGEN-DEL-APELLIDO/BIOGRAF-A-DE-FERNANDO-BERMUDEZ-DE-CASTRO

Rodríguez, Á. (1984).Las fortalezas de la mitra compostelana y los irmandiños: pleito Tabera-Fonseca.

Valdés, R. (2008). Las fortalezas medievales que jalonaban la ruta jacobea entre Santiago y Betanzos.

Pode que che interese...