fbpx
Pedras do dolmen de Castenda utilizadas nunha ponte en Tordoia / Iván Martínez

Como reutilizar un dolmen como ponte: o curioso caso do dolmen de Castenda, en Tordoia

Tempo de lectura: 3 min.

 Iván Martínez Suárez (Tordoia), físico seducido pola historia

Seguramente o símbolo máis recoñecible do concello de Tordoia é o dolmen de Cabaleiros, localizado na parroquia homónima. Este monumento megalítico, declarado Ben de Interese Cultural, é unha das mellores mostras de arquitectura funeraria neolítica que podemos atopar en Galicia. Outro exemplo de megalitismo, na mesma parroquia, constitúeo a Pedra Longa.  Trátase dun conxunto de pedras graníticas de enorme tamaño, sempre envolto en múltiples lendas e misterios.

Pero, sen dúbida, o gran descoñecido é o dolmen da parroquia de Castenda da Torre, da que xa falamos na Web Historia de Galicia, principalmente porque a pedra da súa cuberta leva máis de 50 anos formando parte dunha ponte.

A pedra que serviu para a ponte

A historia remóntase aos anos 60, cando unha vella ponte situada no lugar de Vilar precisou dunha reconstrución tras a última crecida do río Chonia. Os veciños máis vellos de Castenda recordan, naqueles anos, a presenza dunha morea de pedras de granito nunha leira no lugar de Monte Miau. Eran unhas cantas pedras verticais medio enterradas no alto dun promontorio e tamén outra pedra máis grande, enriba das demais pero algo caída cara a un lado.

Eran outros tempos e esta pedra máis grande, duns tres metros de diámetro, foi transportada nun carro de bois para ser empregada na construción da nova ponte sobre o río Chonia, situada a uns dous quilómetros de distancia de Monte Miau. Algúns anos despois, coa chegada dos primeiros tractores, as demais pedras foron desprazadas a un recanto da leira, para que esta puidese ser traballada sen dificultade.

Este relato está confeccionado a partir da memoria veciñal, ¿pero realmente houbo un monumento funerario en Monte Miau?

Ortostatos do dolmen de Castenda, en Tordoia / Iván Martínez

Achado de restos arqueolóxicos

Co paso dos anos, a raíz da posta en valor do dolmen de Cabaleiros, os veciños comezan a ser conscientes da existencia do patrimonio megalítico.  Deste xeito e, a partir da lembranza colectiva sobre o sucedido, no ano 2010 levouse a cabo unha sondaxe arqueolóxica na localización orixinal do dolmen (El Correo Gallego, 2013). Neste estudo atopouse un fragmento de doa, catro contas de variscita e unha peza de ámbar, unha das dúas únicas atopadas en Galicia deste material en xacementos destas características. Amais das pedras que atopamos a día de hoxe na localización primitiva do dolmen, todas cunha lonxitude non superior aos dous metros, do estudo arqueolóxico despréndese que na construción orixinal habería ata sete ortóstatos.

Actualmente a ponte segue a ser empregada de maneira habitual. Conta con dous muros de pedra, un en cada beira do río, sobre os que descansan tres laxes. Cada unha delas mide arredor dun metro na dirección do curso fluvial e, tendo en conta que unha parte non é visible por estar encaixada nos laterais da ponte, cada laxe superará os tres metros conforme ó ancho do río. Contan con pouca separación entre si e este oco está cuberto por pedras de menor tamaño e algún tronco de madeira. Enriba do conxunto de laxes atópase unha estrutura de formigón armado, duns 30 centímetros de grosor e que foi engadida anos despois da construción da ponte.

En relación á presenza de tres grandes pedras no canto dunha única, é lóxico pensar que a cuberta orixinal do dolmen, de varias toneladas de peso, fose fendida en tres anacos para facilitar o seu dificultoso transporte en carro de bois desde a localización primitiva ata a actual.

Ponte con antas do dolmen de Castenda, en Tordoia / Iván Martínez

Posta en valor

No ano 2013 o Concello de Tordoia mercou a parcela onde se situaba o dolmen,  coa intención de proceder á recreación deste nunha localización próxima á orixinal. O proxecto, polo momento non levado a cabo, supoñería a posta en valor deste monumento megalítico e tamén a lembranza do sucedido. Máis alá da cuestión patrimonial, esta reconstrución aportaríalle un novo recurso turístico ao concello, xa que a localización do megálito cadraría de cheo na ruta de sendeirismo PR-G 88 entre Bardaos e Castenda, que xa discorre, entre outros lugares, polo dolmen de Cabaleiros, a Pedra Longa e a ermida de Castenda. Ademais, o dolmen de Castenda uniríase á lista de numerosos atractivos daruta primitiva do Camiño Inglés que o concello vén promovendo nos últimos tempos.

Referencias

El Correo Gallego. (2013).El Correo Gallego. Obtido de https://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/tordoia-quere-recuperar-dolmen-castenda/idEdicion-2013-05-20/idNoticia-807442/.