fbpx
Mapa dos bens de Dodro / baixoulla.ospenoucos.gal

Coñece obaixoulla.gal, o mapa para descubrir e coñecer o patrimonio dos concellos do Ulla

Tempo de lectura: 3 min.

Case 3.300 elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos de seis concellos diferentes. Iso é o que contén www.obaixoulla.gal, unha nova web que se deu a coñecer este pasado sábado e que é o froito do traballo conxunto entre a Asociación Cultural Os Penoucos e a Asociación Comunidade O Zulo.

A Fundación Rosalía de Castro – Casa de Rosalía albergou este sábado, Día Mundial do Patrimonio, o lanzamento desta web que presentaron Manuel Lorenzo Baleirón (Fundación Rosalía de Castro), Miguel Lois (Asociación Cultural Os Penoucos) e Alberto Permuy (Asociación Comunidade O Zulo). Trátase dun catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga.

“Queremos construír un relato territorial baixo unha metodoloxía participativa. Deste xeito, todas e todos podemos incorporar os diferentes elementos a este mapa e así comprender, reflexionar e sinalar aspectos da nosa realidade cotián, histórica e colectiva”, apuntan os impulsores nun comunicado. “Ademais de poñer en valor o patrimonio, facemos eco das relacións emocionais co espazo e dos diferentes significados que o territorio e a paisaxe poidan ter para os seus habitantes”, engaden.

Os promotores destacan que este proxecto, realizado sen ningún tipo de subvención oficial, aspira a seguir medrando, coa colaboración de persoas a título persoal e de xeito desinteresado, como se vixo ata agora.

Logos de obaixoulla.gal, un proxecto que mapea o patrimonio de seis concellos

Os elementos catalogados

Todos os elementos están documentados, clasificados e xeolocalizados con mapas libres. O proxecto, de carácter colaborativo, pretende recoller nun mapa a totalidade do patrimonio cultural e natural do territorio polo que discorre o río Ulla no seu treito baixo, antes de deixar de ser río e converterse en ría. Son os seguintes:

  • Catoira: 430 elementos das parroquias de San Mamede de Abalo, San Miguel de Catoira, San Pedro de Dimo e Santa Baia de Oeste.

  • Dodro: 435 elementos das parroquias de Santa María de Dodro, San Xián de Laíño e San Xoán de Laíño.

  • Padrón: 671 elementos das parroquias de San Pedro de Carcacía, Santiago de Padrón, Santa María de Iria Flavia, Santa María de Cruces e Santa María de Herbón.

  • Pontecesures: 97 elementos da parroquia de San Xulián de Requeixo.

  • Rianxo: 818 elementos das parroquias de Santa María de Asados, Santa Baia do Araño, Santa María de Isorna e Santa María de Leiro.

  • Valga: 809 elementos das parroquias de Santa Cristina de Campaña, San Miguel de Valga, Santa María de Xanza, San Salvador de Setecoros e Santa Comba de Cordeiro).

Mapa

O mapa web componse de 10 capas, que inclúen 3.265 elementos, repartidos do seguinte xeito:

  • Arqueoloxía (254 elementos): castros, petróglifos castelos, mámoas, túmulos, xacementos, marcos medievais, camiño históricos, paisaxes culturais, portos, necrópoles, gravados, aras, sartegos…

  • Arquitectura relixiosa (67 elementos): igrexas, ermidas, conventos, santuarios, capelas…

  • Elementos relixiosos (255 elementos): cruceiros, cruces, petos de ánimas, calvarios, vía crucis…

  • Arquitectura civil (169 elementos): pazos, casas reitorais, muíños de vento, escolas unitarias, escolas da emigración, xardíns, estacións de tren, casas grandes, vivendas singulares…

  • Obra civil (130 elementos): pontes, pontellas, portas, pombais, palcos de música, túneles, reloxos de sol, esculturas…

  • Arquitectura industrial (26 elementos): patrimonio industrial, telleiras, embarcadoiros, fábricas de cerámica, alfolíns, diques…

  • Hórreos (1.829 elementos): hórreos, eiras…

  • Arquitectura da auga (438 elementos): pesqueiras, fontes, lavadoiros, muíños, bombas de auga, pozos, corgos, presas…

  • Espazos naturais (45 elementos): ríos, brañas, canóns, insuas, fervenzas, lagoas, enseadas, carballeiras, puntas, praias…

  • Panorámicas (52 elementos): miradoiros, montes…

Software libre e datos abertos

obaixoulla.gal é un proxecto libre. A súa base tecnolóxica, e os seus compoñentes: mapas, documentos, xestor de contidos… están publicados baixo licenzas libres. Trátase dun proxecto baseado en software libre. Todo os compoñentes, tanto software como contidos, teñen licenzas abertas, polo tanto serán reutilizables por calquera persoa ou organización sen restricións de ningún tipo. Ao tratarse dun catálogo dixital aberto, o acceso aos datos non está restrinxido unicamente á súa visualización no sitio web. O acceso aos datos en distintos formatos é libre e gratuíto.

Pode que che interese...