fbpx
Ponte Maceira - Ames
Ponte Maceira, estrutura medieval que une os concellos de Ames e Negreira e que un histórico paso do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía / Galipedia

Ponte Maceira, un dos lugares máis excepcionais de Galicia, será Ben de Interese Cultural

Tempo de lectura: 3 min.

O pasado día 25 o DOG recollía a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que incoa ou inicia expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural a ponte da Ponte Maceira, entre os concellos de Ames e Negreira. A excepcional ponte medieval que cruza o río Tambre e que forma parte do trazado do Camiño de Santiago, na súa ruta cara Fisterra, pasará a formar parte do patrimonio coa máxima protección.

E é que en novembro de 2017 os concellos de Ames e Negreira solicitaran xa á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que declarase a ponte de Ponte Maceira como BIC, achegando a documentación necesaria. Agora dous anos e medio despois, a Xunta inicia o procedemento para a declaración, que ademais da propia ponte abranguerá un área de protección duns 100 m. se como se prevé no artigo 38 da lei.

Segundo os servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio, as características da ponte, da súa contorna e trazado, xustifican a incoación ou inicio do procedemento de declaración, sen prexuízo de que o futuro expediente de delimitación da ruta dos Camiños de Santiago poida complementar a protección. Aceptábase así a documentación elaborada polos técnicos dos dous concellos.

Ponte Maceira / foto Galicia Plus CCBy Wikimedia

Un conxunto único e un lugar clave na historia medieval de Galicia

Ponte Maceira é un dos lugares excepcionais de Galicia dende un punto de vista arquitectónico, histórico e tamén paisaxístico. Sorprende tamén o seu bo estado de conservación. O lugar xurde ó redor dunha gran ponte medieval sobre o río Tambre construída no século XIII, reconstruída no XVIII, e que estaría feita sobre unha ponte anterior que, para algúns, podería ser incluso romana.

A ponte é unha construción soberbia, con estribación moi pronunciada en arco, propia das pontes baixomedievais e cinco grandes arcos apuntados dunha importante luz. Nas súas dúas marxes atópanse tamén un rico conxunto patrimonial xurdido a partir da ponte. No lugar ademais de caneiros, atopamos catro muíños, catro pombais, vinte hórreos, unha capela, múltiples edificacións tradicionais e unha quinta de estilo rexionalista.

Ponte Maceira coa capela / foto XosemaCCBy Wikimedia

A ponte foi ademais testemuña das loitas medievais de poder entre o arcebispo Xelmírez e os condes de Trava, no século XII, que aparecen recollidas na Historia Compostelana. Tamén os Fonseca e os Moscoso no século XV, dando lugar algunha das guerras internas máis importantes da nosa historia. Localizado moi preto das importantes Torres de Altamira e do val da Amaía, estivo entre o límites de señoríos sendo tamén a liña de comunicación entre Compostela e o noroeste galego.

Ponte Maceira / foto XosemaCCBy Wikimedia

Pode que che interese...