Como foi o proceso de neandertalización na Península Ibérica hai 300.000 anos?
O estudo de máis de 22.000 artefactos de pedra procedentes do nivel TD10.1 de Gran Dolina en Atapuerca (Burgos), permite entender como foi a transición entre o Paleolítico inferior e o Paleolítico medio neste lugar, é dicir, entre o período comprendido entre os 450.000 e 250.000 anos antes do presente. A pesar da homoxeneidade tecnolóxica que se observa entre os homininos que ocuparon entón a Serra de Atapuerca, inícianse unha serie importante de innovacións que culminaron coa cultura neandertal, de gran complexidade e que avalan a capacidade de planificación desta especie. O artigo foi publicado recentemente no Journal of Human Evolution (JHE).
Este estudo, enmarcado dentro dos traballos de investigación que o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) desenvolve sobre o Proxecto Atapuerca, foi liderado por Arturo de Lombera Hermida, arqueólogo do Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico (GEPN- AAT) da USC. Por parte do IPHES e da Universitat Rovira i Virgili (URV) tamén participaron Xosé-Pedro Rodríguez, Mariña Mosquera, Andreu Ollé, Esther López-Ortega, Antonio Rodríguez-Hidalgo, Palmira Saladié e Eudald Carbonell.
“O nivel TD10.1 de Gran Dolina recolle unha sucesión de sedimentos excepcionais para entender a evolución acontecida entón, que culminará co xurdimento da tecnoloxía que dá lugar ao Paleolítico medio en Europa”, explican os investigadores. A análise dos datos obtidos cos restos de fauna e a arqueoestratigrafía, isto é, sucesión de niveis sedimentarios ao longo do tempo; xunto cos que achegaron os artefactos líticos, constata que a cavidade foi ocupada de diferentes maneiras hai entre 350.000 e 250.000 anos.
Niveis de estratificación
“Na base do nivel TD10.1, a máis antiga, a cavidade é habitada a modo de campamento por parte dos homininos durante longos períodos e dunha maneira máis intensa, documentándose unha gran concentración de restos líticos e faunísticos, e onde se desenvolveron diversas actividades como talla de ferramentas, procesado de fauna ou traballo de peles, entre outros”, continúan os investigadores. En cambio, a cavidade só sería ocupada brevemente polos grandes carnívoros que acudirían posteriormente a carroñar os restos deixados polas ocupacións humanas. Pola contra, para os niveis superiores só se producirían estancias breves, aínda que de uso reiterado para realizar actividades puntuais e tras as cales deixarían abandonadas as súas ferramentas.

Reconstrución do aspecto que tería un neandertal / Ancien Origins
Complexidade e planificación
A pesar das diferenzas nos modelos de ocupación, nos rexistros líticos de TD10.1 obsérvase unha homoxeneidade tecnolóxica, o que implica unha continuidade demográfica dos grupos que ocuparon a Serra de Atapuerca durante o final do Pleistoceno medio, ou sexa, entre hai uns 450.000 e 130.000 anos. Isto é evidente pola pervivencia de certos trazos que comparte cos rexistros achelenses dos niveis inferiores de TD10 (TD10.3) e o xacemento de Galería, máis antigos, tales como a presenza de bifaces ou hendedores, así como de certos esquemas de talla menos complexos.
“Pero o aspecto máis significativo destes conxuntos é que rexistran varias innovacións e comportamentos tecnolóxicos que cristalizarán posteriormente na tecnoloxía neandertal do Paleolítico medio”, afirman os investigadores. Estes aspectos son a explotación ordenada dos recursos do territorio, unha marcada selección de calidade das materias primas, o menor tamaño dos instrumentos líticos, a perda de importancia dos bifaces, a fabricación de útiles enmangados, o recurso a retocadores óseos, a reciclaxe de elementos líticos (uso de núcleos como percutores) e, especialmente, a aparición de métodos de talla complexos típicos do Paleolítico medio, como o Levallois ou o discoidal. Estes comportamentos evidencian un importante incremento na complexidade tecnolóxica e na planificación das actividades con respecto aos conxuntos anteriores.
Proceso de “neandertalización”
Deste xeito, no artigo demóstrase que a transición entre o Paleolítico inferior e medio na Serra de Atapuerca foi un proceso acumulativo e progresivo apuntando a unha transición local. Este proceso de “neandertalización” é paralelo ao observado noutros xacementos europeos e coherente coa evolución paleoantropolóxica dos preneandertales da Sima dos Ósos, tamén en Atapuerca.
“De maneira interesante, estas ocupacións de TD10.1 son contemporáneas a outros xacementos peninsulares con características plenamente achelenses (tecnoloxía máis arcaica), o que mostra que este proceso non foi homoxéneo en toda Europa, senón que, máis ben produciuse seguindo un modelo en mosaico”, afirman, subliñando a complexidade cultural e poboacional do Pleistoceno medio final europeo.