fbpx
Un campo de trigo, semellante ós que rodeaban as vilas romanas / foto FelixMittermeierC0

Excepcional achado dunha gran vila romana en Castro de Rei, que podería estar relacionada con Teodosio

Tempo de lectura: 2 min.

Unha escavación para situar unha torreta eléctrica. Este foi o motivo que deu lugar a un dos achados máis singulares dos últimos tempos para o mundo romano en Galicia. Trátase dunha vila romana de gran luxo, e previsiblemente boas dimensións que dominaría unha gran chaira fértil ó pé do río Azúmara en Castro de Rei.

O achado produciuse no lugar de Escouredos, na parroquia de Coea deste concello, durante unha prospección para instalar unha torre torre de alta tensión. A liña que evacuará a enerxía producida no parque eólico de San Martín de Corvelle en A Pastoriza. As obras tiveron que ser paradas e na actualidade o lugar atópase en escavación dando xa excepcionais froitos.

Recreación  dunha villa romana / foto west468 CC0

O centro de explotación dunha gran chaira

Os restos aparecidos semellan ser dunha luxosa vila de grandes dimensións e das que xa apareceron muros de varias estancias. Tamén apareceron tellas, algunhas case enteiras e con marcas de fábrica, así como columnas de ladrillo e o que semella unha cheminea de pedra. Tamén apareceron restos de fundición de ferro.

Na actualidade o xacemento estase explorando tamén con xeorrádar para intentar determinar as dimensións reais do conxunto. Semella que a vivenda, elevada lixeiramente, forme parte dunha gran explotación agrícola asentada sobre a chaira. Segundo publica La Voz de Galicia, tras a excavación de urxencia, a vila se pode datar entre o século II e III d.C.

Retrato de Teodosio / foto Henryart CCBy Wikimedia

É por isto que a aparición desta vila encaixa a perfección a unha teoría formulada vai anos sobre o emperador romano Teodosio. Fillo de Teodosio o Vello, del se sabe que naceu en Cauca, na Hispania, no ano 346. Se ben tradicionalmente este emprazamento se relaciona co lugar de Coca en Segovia ou con outra localización na Baetica, hai teorías que afirman que esa Cauca podería ser este lugar de Coea.

Pode que che interese...