Descubertas sete mámaos en Láncara | Historia de Galicia
Mámoa atopada por Patrimonio dos Ancares en Láncara 7 remitida

Descubertas sete mámaos en Láncara

Tempo de lectura: 2 min.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares veñen de documentar sete novas mámoas sen catalogar no concello de Láncara. A primeira localizase en Crescón, parroquia de Toirán, a 660 metros de altitude. Ten 28 metros de diámetro e unha altura de 1,30 metros. No centro obsérvase un gran cráter de violación realizado para buscar inexistentes tesouros. Contáronnos que tiña dolmen no interior cuxas pedras foron partidas hai uns sesenta anos para pechar as fincas. O sitio onde se atopa aínda conserva o inequívoco nome de A Medorra, clara alusión a un enterramento megalítico. Sobre o túmulo plantaron eucaliptos.

A segunda atopámola no Monte Chá, na parroquia de Souto de Ferradal, a 525 metros de altitude. Trátase dunha enorme mámoa de 48 metros de diámetro o que a converte na de maiores dimensións do concello de Láncara. Debido aos labores agrícolas (pastizal) perdeu case toda a masa tumular en altura, non sobrepasando os 0,20 metros.

A terceira documentámola no monte Lama Grande, na parroquia de Bande, a 500 metros de altitude. Ten uns 18 metros de diámetro e unha altura de 0,50 metros.

Mámoa atopada no medio de eucaliptos e piñeiros en Láncara / Patrimonio dos Ancares

A cuarta foi no monte Pereiriñas, na parroquia de Vilaleo, a 547 metros de altitude. De pequenas dimensións, non sobrepasa os 15 metros de diámetro e unha altura de 0,60 metros. Posúe cráter de violación, non observándose restos de cámara pétrea.

No monte Illoa, entre Souto de Ferradal e Toubille, a 600 metros de altitude, localizamos tres mámoas perfectamente aliñadas, separadas entre si uns 275 metros. Teñen unhas medidas de 15, 17 e 18 metros. A do medio, que é a de maiores dimensións, figura citada nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano 1753 como marco divisorio entre as dúas parroquias. Afectadas por plantacións de eucaliptos.

Ningún dos enterramentos figuran recollidos no PXOM do Concello de Láncara nin nos visores da Xunta de Galicia (Plan Básico Autonómico e de Aproveitamentos Forestais) polo que xa llos comunicamos a Patrimonio para que procedan á súa catalogación. Ata o presente, este colectivo leva documentado no concello de Láncara 19 mámoas, 2 grupos de petróglifos (un destes grazas ao veciño da Veiga de Anzuelos, Xoán Carlos Laxe) e 3 castros.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: