fbpx
Pazo e Igrexa de Santa Maria de Reboreda foto HombreDHojalata CCBy Wikimedia montaxe

Un gran poste eléctrico, a última desfeita no excepcional conxunto Santa María de Reboreda

Tempo de lectura: 2 min.

Un singular conxunto de igrexa, pazo e casa reitoral, con un excepcional cruceiro e árbores de gran antigüidade, situado no propio Camiño de Santiago, no Camiño Portugués. Ese é o excepcional conxunto monumental que se atopa no lugar de Santa María de Reboreda, no Concello de Redondela e que, a pesares da súa singularidade, non se atopa no mellor estado de conservación, cando menos no que respecta á súa contorna.

E é que, ó lugar convertido nun gran aparcadoiro, sen ningunha intervención en décadas, e que foi xa presa do vandalismo no pasado, úneselle agora, tal e como denuncia a asociación cultural Alén Nós, a colocación dun gran poste eléctrico a escasos metros dos muros da igrexa. Trataríase dunha instalación ó pé do pano leste da singular igrexa e que, previsiblemente, non contaría con autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Pazo, reitoral e igrexa de Santa María de Reboreda en Redondela

Un poste de formigón a escasos metros da do pano leste

O poste, polo tanto, atoparíase invadindo o espazo de protección establecido no conxunto catalogado por patrimonio, situado no Camiño de Santiago e de especial relevancia. É por isto que a asociación cultural, que denunciou os feitos a través da súas redes sociais, entregou tamén dúas solicitudes no Concello e na Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo.

Nelas solicítase a intervención da Dirección Xeral de Patrimonio para analizar e valorar a actuación desenvolvida pola empresa Naturgy. Pídese tamén a retirada do poste eléctrico e que se proceda a soterrar a instalación de cables en toda a contorna da igrexa. Para eles esta sería a solución ó que consideran un atentado contra un conxunto arquitectónico único esquecido polas administracións.

Igrexa barroca, pazo, reitoral e cruceiro

Trátase dun excepcional conxunto distribuído ó redor do Camiño de Santiago e da igrexa coñecida de Santa María de Reboreda. Esta data de 1736 e foi construída nun depurado estilo barroco. A igrexa está acompañada pola casa reitoral nunha beira do camiño e o pazo de Reboreda ó seu pé, ó que se pode acceder por un corredor elevado, xa que a igrexa sempre fixo a función de capela do singular pazo.

No pazo destacan os seus excepcionais escudos das familias Araujo y Puga, dos Prego de Montaos e os Troncoso de Lira emparentados cos Soutomaior. No edificio naceu ademais Xoán Manuel Pereira ó que Ramón Otero Pedrayo inmortalizou na súa obra “O Señorito da Reboraina”. No conxunto destacan tamén árbores de gran porte e un excepcional cruceiro do ano 1770.

Pazo e Igrexa de Santa Maria de Reboreda foto HombreDHojalata CCBy Wikimedia

Pode que che interese...