fbpx
Pena do Equilibrio en Ponteareas / foto HombreDHojalataCCBy Wikimedia

A Pena do Equilibrio, a dos Namorados e os segredos dos apenedados cumios do Monte da Picaraña

Tempo de lectura: 2 min.

Na parroquia de Arcos, no Concello de Ponteareas atópase a Pena do Equilibrio. É un penedo esferoire de gran tamaño que, como o seu nome indica, mantense nun complicado equilibrio unida ó batolito tan so por unha superficie de centímetros. A Pena do Equilibrio forma parte dun gran conxunto de penas graníticas que salpica o concello, ó que pertencen outras como a Pena dos Namorados ou a Pena do Monte.

A Pena do Equilibrio, tamén coñecida como Penedo do Capón, é un penedo formado dende a erosión en diaclasas concéntricas, é dicir que se vai erosionando do exterior cara o centro ata formar esferoides. Segundo as lendas que se contan dela é tamén unha pedra abaneante, que se pode abalar uns centímetros sen variar a posición. Por este motivo é probable que no pasado puidera ser depositaria, como tantas outras pedras do noso país, de ritos e fontes de devoción de orixe prehistórica.

Os cumios do Monte da Picaraña

A Pena do Equilibrio sitúanse no Monte da Picaraña, unha montaña situada entre os concellos de Ponteareas e Mondariz, na comarca do Condado. Acada a tan so 387 m de altitude máis conforma unha paisaxe especialmente singular con grandes penedos de granito que salpican a súa extensión.

Cumios do Monte da Picaraña Redondela / foto AlfredomarpiCCBy Wikimedia

É ademais un monte rodeado de historia e patrimonio pois nas súas abas atópanse elementos culturais tan importantes coma o convento de San Diego de Canedo, o castro de Troña ou o próximo castelo de Sobroso. Ademais moi preto da pedra sábese da existencia dun castro romanizado que nunca se chegou a escavar. Ademais, no lugar onde se acha a Pena dos Namorados atopáronse elementos paleolíticos e da Idade de Ferro, coma machadas.

A Pena dos Namorados

Dise que puido ser refuxio de cazadores neolíticos, tamén fonte de cultos deidolátricos ou as pedras. O certo é que este conxunto de penedos goza des historia e lendas excepcionais. Da mesma estrutura xeolóxica que a Pedra do Equilibrio é un conxunto de penedos nun equilibrio excepcional. Mais neste caso formado máis ben dende diaclasas perpendiculares e paralelas, o que lle da unha imaxe de mesa.

Penados dos Namorados / foto HombreDHojalataCCBy Wikimedia

É tamén unha formidable pedra oscilante ou abaladoira, que chega ata os vintecatro metros de lonxitude por entre cinco e tres metros medio de ancho. A pedra, ademais de depositaria de varias lendas, atribúenselle poderes casamenteiros, seguramente lembranzas de antigos cultos a fertilidade, comúns a moitas destas formacións xeolóxicas galegas. Tamén foi empregada como muíño de man.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...