fbpx
Casa Jaraugueízar en Vilagarcía

Vilagarcía rehabilitará para usos sociais a Casa Jaureguízar, decomisada a Marcial Dorado

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Vilagarcía quere converter a histórica Casa Jaureguízar, decomisada ó narco Marcial Dorado, nunha icona social da vila. E é que a pasada semana deuse un paso máis no proceso de rehabilitación ó adxudicar ó deseño e redacción do proxecto, paso previo para atopar financiamento.

Trátase de converter o inmoble decomisado nun edificio de usos sociais, en concreto de usos múltiples ligada á atención sociocomunitaria. O proxecto foi adxudicado ó estudio de arquitectura JASS (José Antonio Sueiro Sueiro), de Pontevedra cun orzamento de 14.520 euros debendo desenvolverse en tres meses.

Unha futura icona social para a vila

Trátase de que nos vindeiros meses, as concellerías de Urbanismo e de Servizos Sociais, ademais dos seus técnicos, manteña diversas reunións co arquitecto José Antonio Sueiro. Nelas definiranse os seus usos e os espazos necesarios, no marco de convertelo nun referente para a vila.

Peirao e porto de Vilagarcía a comezos dos século XX / foto patrimoniovilagarcia.net

Así, o Concello pretende ter un proxecto definido e máis un orzamento real para desenvolver a rehabilitación. Co proxecto na man agárdase poder negociar con distintas administracións a concesión de axudas. Mais dadas as circunstancias do inmoble o Concello agarda conseguilas en non moito tempo.

De Agustín Jaureguízar a Marcial Dorado

A comezos do século XX a familia Jaureguízar chegou a Vilagarcía procedente de Euskadi, co obxectivo de traballar como contratistas de obras na construción do porto da florecente vila. A finais da década de 1950, Agustín Jaureguízar Uribe, representante da segunda xeración, construíu a singular vivenda.

Casa Jaraugueízar en Vilagarcía

É unha vivenda moi preto da praza de España e da igrexa parroquial, con xardín e horta, nun estilo entre rexionalista e ecléctica. Ten cun total de 433 metros cadrados distribuídos en tres andares e unha parcela de 700 metros cadrados. Construíuse nun momento no que Vilagarcía destacaba pola súa singular arquitectura.

Mais, ó mesmo tempo que a vila sufría a súa decadencia urbanística, a casa foi adquirida por unha empresa ligada a Marcial Dorado. Tras a intervención do Estado a casa foi incautada polo Plan Nacional sobre Drogas e posta no mercado mediante poxa. Porén no outono de 2018 o Concello fíxose coa vivenda no prezo de 174.000 euros.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...