fbpx
Imaxe aérea da illa de Areoso Guidoiro, na Arousa / twitter J. Calleja

Xa podes coñecer todos os segredos dos dólmenes na coñecida como illa dos mortos, na ría de Arousa

Tempo de lectura: 2 min.

Os pasados meses de abril e novembro foron, sen dúbida, os máis importantes para a memoria do Illote de Guidoiro  Areoso, na ría de Arousa xa que tanto o Consello da Cultura Galega como o Museo Arqueolóxico Nacional, puideron coñecer, da man dos investigadores que os escavaron, a impresionante historia destas linguas de area e granito agochadas na ría, e das que en HdG xa falamos en varias ocasións.

E é que, baixo o título “O último ano no Guidoiro Areoso: o que agocha a area”, se presentaban o pasado 26 de abril, nun encontro no Consello da Cultura Galega, os resultados da intervención arqueolóxica na Mámoa 4 e no intermareal do Illote de Guidoiro Areoso. Unha intervención feita de urxencia pero que permitiu coñecer os segredos de boa parte deste conxunto prehistórico único en Europa.

Estado da mámoa 4 na actualidade (á esquerda) e antes da escavación deste verán ( dereita)

Foi a cargo de Patricia Mañana-Borrazás, de Dimenso, de María José Bóveda Fernández, de Gabinete de Arqueoloxía, e de Santiago Vázquez Collazo, de Tomos Conservación Restauración. Foron eles os encargados de presentar os resultados da intervención nunhas conferencias que a día de hoxe aínda se poden ver pola canle do Consello da Cultura Galega na plataforma YouTube.

Tamén participaron outros profesionais como Ramón Blanco Chao, do Departamento de Xeografía Física da USC ou os arqueólogos Alejandro Güimil-Fariña, Elias López-Romero, e Ignacio Vilaseco, do que correu a presentación no Museo Arqueolóxico Nacional das conclusións ó estudo. Foi o pasado 27 de novembro, dentro do ciclo de conferencias “Actualidade da investigación arqueolóxica en España”

Impacto dos turistas nunha das mámoas escavadas de Areoso / Jorge Álvarez

Nel se presentaron os resultados de varios anos de traballo, ó redor da gran cantidade de achados prehistóricos do illote. Tamén se falou do proceso erosivo que sofre o xacemento, das múltiples mámoas atopadas, da intervención na Mámoa 4, así como noutros sondeos nos que se combinaron amplos estudos paleoambientais e xeomórficos. Segundo os investigadores todas estas intervencións permitiron coñecer como foi a realidade deste illote dende o Neolítico ata hoxe. É igualmente posible ver este encontro na plataforma YouTube.

Illa do Areoso Guidoiro, na ría da Arousa. A suba do nivel do mar e a presión turística está afectando aos seus restos arqueolóxicos

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...