fbpx
Afonso X nunha miniatura das Cantigas / foto Consello da Cultura Galega

Queres coñecer o legado de Afonso X a Galicia no seu 800 aniversario?

Tempo de lectura: 2 min.

Un 23 de novembro de fai 800 anos tería nacido Afonso X, unha das figuras máis relevantes da cultura medieval europea. Para conmemorar esta efeméride o Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e da Consellería de Cultura, organizou unha ambiciosa exposición para amosar o legado do monarca.

Así, a exposición comisariada polo músico, musicólogo e medievalista Antoni Rosell, e localizada na Igrexa da Universidade de Santiago, explora a conexión de Afonso X con Galicia. A mostra dá conta da relevancia deste monarca, pero sobre todo, da súa influencia na cultura galega e da vixencia do seu pensamento.

O obxectivo é achegarse á complexa e poliédrica figura de Afonso X, ás Cantigas de Santa María, como testemuño visual e sonoro da Idade Media galega e europea, ós instrumentos e á cultura galega da época. Alén das restricións da Covid, a exposición estará aberta ata o vindeiro 24 de abril.

Un instrumento medieval na mostra / foto Consellería de Cultura

Moito máis que as Cantigas

A proposta busca compoñer un relato a xeito de crebacabezas, con varios niveis, apoiado nunha narrativa multimedia afastándose das exposicións de obxectos. Comeza situando ó monarca na súa dimensión máis humana, para despois ofrecer a vida e os seus conflitos persoais.

O percorrido continúa co scriptorium afonsino, o obradoiro onde os manuscritos e as miniaturas cobran o protagonismo presentando o intenso e valioso labor científico, histórico e cultural desenvolvido polo monarca. De seguido pon de relevo o apartado musical e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas a Compostela desde diferentes espazos.

Músicos nas cantigas de Afonso X / PD Wikimedia

O espazo central está dedicado ás Cantigas de Santa María relacionadas con Galicia. Neste lugar poden verse as Cantigas simultaneamente en seis pantallas aéreas, a modo de constelacións, aludindo ó mundo da astroloxía tan importante para Afonso. A exposición remata coa recreación da sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial.

Ademais, as circunstancias sanitarias obrigaron a adaptar o deseño desta exposición para que se poida “tocar” virtualmente a través dos dispositivos móbiles. Tamén de proxeccións visuais e sonoras que permitirán trasladar a atmosfera da Idade Media. A mostra estará tamén acompañada de roteiros ó patrimonio galego relacionado co legado afonsino.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...