Aparecen dous novos tramos de muralla e dous foxos no compostelán Castelo da Rocha Forte
O Concello de Santiago de Compostela acaba de atopar novos restos nas ruínas do histórico Castelo da Rocha Forte. Trátase de dous tramos de muralla, un deles cunha torre circular encostada, e dous fosos, alén dos xa coñecidos ata o momento. Trataríase de parte dun complexo sistema defensivo que protexería o acceso principal da fortaleza.
Os traballos que están promovidos polo Concello de Santiago a través da Oficina de Rehabilitación, forman parte do programa EDUSI (Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado). O programa está co-financiado nun 80% con fondos FEDER de Unión Europea e leva xa varios semanas desenvolvéndose sobre o excepcional xacemento.
O achado formaría parte dunha terceira muralla, que xa aparece citada en antigos documentos e que foi atopada a finais de 2019 nunha prospección xeofísica co sistema de tomografía de resistividad eléctrica, desenvolvida polo xeólogo Óscar Pazos e a arqueóloga Mª José Bóveda. Nela se detectaron varias anomalías que foron interpretadas como parte do sistema defensivo da fortaleza.
- Sondaxes no Castelo da Rocha Forte / foto Concello de Santiago
- Detalle da muralla atopada nas sondaxes no Castelo da Rocha Forte / foto Concello de Santiago
- Vista xeral das ruínas do Castelo da Rocha Forte coas sondaxes na parte superior esquerda / foto Concello de Santiago
A partir desta información procedeuse á realización da actual campaña de sondaxes que dirixiu o arqueólogo Mario César da empresa Tempos arqueólogos. Os resultados desta intervención, aínda en fase preliminar, están a confirmar a existencia dunha muralla con torre circular encostada e fosos a ambos lados, así como outras estruturas como muros ou canles.
Este singular achado sumaríase así ós restos escavados ó longo de máis dunha década, podéndose observar gran parte do sector principal, que presenta planta cuadrangular con dúas murallas defensivas concéntricas e unha torre da homenaxe situada na súa posición central. Trataríase xa da maior parte do conxunto, a excepción do extremo norte alterado pola vía do tren.

Vista xeral das ruínas do Castelo da Rocha Forte coas sondaxes na parte superior esquerda / foto Concello de Santiago