fbpx
Román Rodríguez na presentación das Bases para o plan sede da RAG da Coruña / foto Consellería de Cultura

Así é o Meirás de Feijóo: taller para artistas, centro de emprendemento e museo de Emilia Pardo Bazán.

Tempo de lectura: 4 min.

A Xunta de Galicia está a reivindicar a transferencia do Pazo de Meirás ó goberno galego. Así o fixo constar o pasado mércores nunha reunión coa vicepresidenta Carmen Calvo na que estas reivindicacións produciron certos roces entre ambas administración. Pero, para que quere a Xunta de Galicia o pazo de Meirás? Cales son os seus plans sobre este edificio?

A Xunta desvelou esta mañá os seus plans. Foi a través da presentación das súas Bases para Plan de usos das Torres de Meirás. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou estedocumento que sirve de punto de partida para comezar un proceso participativo que cristalice nunha xestión plural, sólida e cunha visión a longo prazo tras a recuperación deste ben para o patrimonio público”.

Román Rodríguez na presentación das Bases para o plan sede da RAG da Coruña / foto Consellería de Cultura

Trátase, como afirmou o representante da Xunta de Galicia, “dun primeiro traballo froito da reflexión e a análise ante un momento histórico” e que debe ser “a chave para abrir Meirás a cidadanía e convertelo nun espazo vivo do que os galegos nos sintamos orgullosos”. Román Rodríguez, compareceu acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán na Coruña, sede da Real Academia Galega (RAG).

“Non queremos que sexa o pazo de Franco, senón o pazo de Emilia Pardo Bazán”

O documento xa foi trasladado na reunión mantida o pasado mércores. Ten como obxectivo que todas as administracións e axentes implicados elaboren un plan de usos técnico. Para iso, perfila posibles usos cunha batería de propostas que deberán agora abordarse no grupo de traballo. “Nesta nova etapa, debemos manter o esforzo e o consenso que nos trouxo ata aquí”, afírmase dende o executivo galego.

Dende a Xunta apuntan tres principios que deben guiar as actuacións: “garantir a apertura das Torres de Meirás a toda a cidadanía, revitalizar un espazo único de gran valor histórico e cultural declarado BIC e que, en definitiva, recupere o sentido orixinal do inmoble deturpado polo Franquismo”.

Portada e escudo decorando o xardín / foto Loischantada CC-BY Wikimedia

Trataríase de crear “un espazo que resalte a importancia da muller na creación intelectual e nomeadamente o legado de Emilia Pardo Bazán, explicando ó mesmo tempo a historia completa do pazo, incluída toda a etapa e o proceso polo que se converteu en residencia estival do ditador, e reivindicando o entendemento, a concordia e os valores democráticos”.

“Non queremos que sexa o Pazo de Franco, senón o Pazo de Emilia Pardo Bazán, da concordia, da cultura e da democracia” en palabras de Román Rodríguez. “Os galegos non debemos vivir de costas ó pazo nin avergonzarnos do seu pasado, senón reivindicalo como un espazo de cultura, de concordia e de visibilización da igualdade”.

Román Rodríguez na sede da RAG da Coruña / foto Consellería de Cultura

Un taller para artistas e centro de emprendemento

Co obxectivo de facer estas afirmacións a base do proxecto o executivo galego plantexaría “catro liñas de acción complementarias”. A primeira sería a propia “valorización do patrimonio, coa elaboración dun plan museolóxico cunha museografía adaptada no que teñan tamén cabida accións como visitas guiadas, percorridos ou espazos abertos para coñecer a historia do pazo”.

Entre elas programacións específicas para o público infantil como visitas para escolas. Trataríase “dun espazo para a reivindicación da figura dunha muller adiantada ó seu tempo e pioneira do feminismo como Pardo Bazán”. Tamén “a promoción dos valores democráticos ou accións en torno aos usos exercidos durante a ditadura”.

Detalle dunha das portadas foto Loischantada CC-BY wikimedia

En segundo lugar, recóllese a creación “dun centro de creación artística, un lugar que xere valor engadido no noso tecido produtivo e que dinamice o noso sector cultural. Para iso, desenvolveríanse accións como residencias literarias e de creadoras, tendo en conta o gran momento das mulleres en Galicia neste ámbito”.

O emprendemento e a investigación serían a terceira liña, “centrada en fomentar a igualdade da muller e forzar ideas e iniciativas entre órganos que promovan estes fins, con actividades de sensibilización e concienciación, estudos ou análises”.

Unha das moitas fontes que decoran os xardíns do pazo / foto Loischantada CC-BY Wikimedia

A Memoria Histórica no xardín

Mais no programa do executivo galego non se descarta tampouco o papel que xogou o pazo durante o Franquismo. Iso si, limitándose, segundo as declaracións, ós espazos do xardín. Así, segundo afirman dende o executivo galego a cuarta liña de acción estaría orientada ós espazos verdes. Estes “destinaríanse á un Xardín da liberdade”.

Este Xardín da liberdade configuraríase como auténtico espazo para a memoria e a reflexión sobre a ditadura, o papel das mulleres durante este período histórico e na actual democracia, que sirva en definitiva como recordo e reparación das persoas represaliadas e perseguidas polo totalitarismo e a intolerancia”.

En definitiva, tal e como expuxo o conselleiro, este traballo “abre a porta a que as Torres de Meirás retomen a esencia truncada polo franquismo e se convertan no faro da igualdade e da democracia”. As torres, segundo a Xunta “volverían ser aquilo que nunca deberon deixar de ser, sen esquecer en ningún momento a súa historia como residencia dun ditador”.

Román Rodríguez na presentación das Bases para o plan sede da RAG da Coruña / foto Consellería de Cultura

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...