fbpx
Praza do Matadoiro / foto Turismo de Santiago

Santiago unirá a praza do Matadoiro e o parque de Belvís cunha pasarela de madeira

Tempo de lectura: < 1 min.

Deseñado polo estudo Arrokabe Arquitectos SLP e cun orzamento de execución material de 133.362,07 euros, Santiago planea mellorar ó acceso ó parque de Belvís abrindo un novo acceso dende a praza do Matadoiro, na cidade histórica. Pois a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informou favorablemente o pasado día 15 ó proxecto básico das obras de mellora, no que se inclúe a obra.

En concreto, proxéctase unha pasarela lineal resolta cunha estrutura mixta de aceiro e madeira sobre o curso de auga do Cancelón, que salva a cota de acceso dende a citada praza ata a zona axardinada, xa no parque, mediante ramplas accesibles con descansos intermedios. No tramo final o proxecto ofrece un percorrido alternativo mediante unha escaleira. Ámbalas dúas circulacións desembocan no camiño existente.

A actuación tamén contempla un palco estancial, de aproximadamente 40 metros cadrados, que poderá ser utilizado para distintas actividades. En relación coa intervención dende a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico establecen como condición que o tramo da pasarela proxectada se amplíe ata a máxima anchura posible en todo o seu percorrido. A obra convértese no cuarto acceso dende a cidade histórica ó parque urbano.

Parque de Belvís no seu extremo máis próximo á praza do Matadoiro / foto Turismo de Santiago

Pode que che interese...