Tui renova a sinalización do seu patrimonio rural co obxecto de convertelo nun novo atractivo cultural
Tui renova a sinalización do sen patrimonio rural con novos paneis informativos. Trátase da sinalización de ata nove elementos patrimoniais localizados no ámbito rural do municipio, coa finalidade de promover a valorización destes bens por parte de visitantes e veciños.
A intervención faise ó abeiro dun convenio asinado entre o Concello e Turismo de Galicia na que e investirán 5.390,55 euros. Segundo o Concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, denota “o interese do goberno municipal pola promoción dos bens patrimoniais que atesoura Tui, no xa no ámbito do seu conxunto monumental, senón tamén as diversas parroquias que conforman o municipio tudense”.
Os paneis que cumpren coas normas de sinaléctica turística de Galicia instalaranse na Igrexa de San Miguel de Pexegueiro, a Ponte da Veiga, a Ponte das Febres, en Ribadelouro, a Capela da Virxe do Camiño, en Rebordáns, o Monumento aos Mártires de Sobredo, en Guillarei, os Muíños do Regueiro, en Paramos, os Muíños do Tripes, en Randufe e Pazos de Reis, o Balneario de Caldelas e a Ponte Internacional.
Trátase dun rico patrimonio existente no ámbito rural tudense que xustifica a súa promoción e coñecemento dos mesmo. Especialmente, asegúrase dende o Concello “neste intre de confinamento perimetral como unha alternativa de lecer cultural respectando as recomendacións sanitarias”.