Un muíño cun gran tallamar? Así foron as aceas dos grandes ríos galegos
Os muíños foron imprescindibles para a economía galega, polo menos, ata a segunda metade do século XX. Os máis abundantes eran os de rodezno ou roda horizontal, pequenos e presentes en cada recuncho da xeografía galega. Mais existe outro tipo de muíños, as aceas, de roda vertical e polo xeral de maoires dimensións e asentados no curso dos grandes ríos.
As aceas, aceñas en castelán, a diferencia de dos de rodezno, eran de maior potencia, polo seu maior diámetro e eran, sobre todo, especialmente resistentes ás crecidas dos ríos. Estaban construídos en edificios polo xeral de perpiaño e unha das súas singularidades, nalgúns casos, é ter nunha das súas caras forma de tallamar para partir a corrente.
Nas aceas a forza do río impulsaba as palas da súa roda vertical ou bruña. O movemento vertical convertíase despois en horizontal a través dunha engranaxe ou farol que transmitiría o movemento á moa. Polo demais funcionaban do mesmo xeito que un muíño horizontal. Foron moi habituais en grandes ríos como o Miño, conservando algúns singulares exemplos en lugares como o entorno da cidade de Ourense.
Aceas, muíños de maré e enxeñería romana
As aceas soían estar presentes nos grandes ríos, como as aceas do Miño. Mais tamén eran habituais en muíños de maré, aproveitando o abalo e devalo da marea. Estes son os casos de Acea de Ama, no Burgo, Culleredo, ou das Aceas de Narón. Tamén podían atoparse en pequenos ríos encorados mediante unha presa aproveitando correntes medias ou caudais estacionais.
A palabra acea procede do árabe as-sâniya ou “elevación da auga” e é un dos tipos máis antigos de muíño, non sendo o de man. Aínda que foi empregado dende época romana non chegaría ata a península ata o século VIII a través do mundo árabe. Aínda que se fixeron moi populares en toda Europa e tamén en Galicia, o muíño de rodezno semellou adaptarse moito mellor a cada pequeno curso de auga e polo tanto a cada recuncho da nosa xeografía.