Atopan varias mámoas baixo un dos parques eólicos máis polémicos dos proxectados neste momento
Dúas novas mámoas, localizadas no Monte do Gato, no concello de Coirós, na comarca de Betanzos. Este é o novo achado que xa antes de ser catalogado está ameazado por un parque eólico. Trátase de dúas mámoas descubertas por unha bióloga e veciña de Oza-Cesuras e unha terceira descuberta máis tarde por técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio, que se atopan a menos de 90 metros de onde se levantará un aeroxerador.
As mámoas están afectadas por das pezas do Parque Eólico Felga, situado entre os concellos de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras, que construirá a empresa Greenalia Wind Power. O parque localízase dentro da Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, recoñecida pola UNESCO dende 2013 e sobre el recae unha enorme polémica.

Monte do Gato / foto edu.xunta.gal
Pois o parque forma ademais parte dun macroproxecto de Greenalia para construír ata 14 aeroxeradores en diferentes localizacións da mesma zona, no que, para moitos, está proxectado dende unha “fragmentación fraudulenta”. A polémica polo parque foi recollida por diferentes grupos políticos e xerou unha campaña de sinaturas na plataforma Change.org pedindo a súa suspensión.
No Estudo de Impacto Ambiental presentado pola empresa detállase no lugar a presenza de máis de vinte elementos patrimonial. Entre eles o petróglifo 2 da Fonte do Oso, un gravado rupestre da Idade do Bronce afectado directamente por outro aeroxerador, mais do que o Estudo “non presume ningún risco”. O Goberno galego, consultado por medios como El Español ou La Voz de Galicia, que recolleron a nova, asegurou que “se farán as modificacións oportunas na situación do aeroxerador que afecta aos depósitos”.

Petróglifo no Monte do Gato na petición da plataforma change.org