fbpx
Pazo de Meirás / foto Edans CCBy Wikimedia

A Audiencia Provincial da Coruña devólvelle ós Franco a propiedade dos bens do interior de Meirás

Tempo de lectura: < 1 min.

Os ben mobles do interior do Pazo de Meirás deberán volver a mans da familia Franco. Así o ditaminou a Sección Terceira da Audiencia Provincial da Coruña nun auto coñecido no día de hoxe que revoga o depósito mobiliario a favor do Estado do Pazo de Meirás e determina que a demanda da parcela catastral feita pola Avogacía do Estado non inclúe os seus bens mobles. Ademais ditamina que os Franco deberán ser indemnizados polos danos e prexuízos que lles puido ocasionar esta situación.

Así, na resolución xudicial, estímase o recurso presentado pola familia e que abre a vía a que poidan recuperar os obxectos localizados no seu interior, moitos deles de gran valor artístico e patrimonial, pois segundo o auto o litixio sobre a propiedade do pazo afectaría tan só á parcela catastral. Porén os maxistrados deixan aberta á posibilidade de que o Estado poida reclamar noutro preito a titularidade dos mobles que considere Patrimonio Nacional asignados ao xefe de Estado.

Este auto afecta por tanto a elementos de excepcional valor artístico e patrimonial, que foran recollidos no catálogo ordenado polo Xulgado de Primeira Instancia. Entre eles atoparíanse as dúas estatuas do Mestre Mateo, litigadas tamén polo Concello de Santiago. O Tribunal lembra que son os únicos bens mobles declarados Ben de Interese Cultural e sinala que a Lei de Patrimonio de Galicia “non establece ningunha perda de propiedade civil” por parte dos titulares. Recolleu a nova o diario Galicia Confidencial.

 

Pode que che interese...