fbpx
Castro a Cibdá en Borneirob / keekeskeeCC0

Así empregaron os habitantes dos castros a prata cando os romanos os deixaron sen ouro

Tempo de lectura: 2 min.

A presión do Imperio romano sobre os límites do noroeste peninsular antes da súa conquista tivo un enorme efecto para a distribución dos metais preciosos en Galicia, o ouro, co que quedaban os romanos nas súas incursións no territorio, e a prata, que os galaicos empregarían para substituír a ausencia do primeiro. Así o pon de relevo un estudo do CSIC publicado recentemente na revista internacional Archaeological and Anthropological Sciences.

No estudo, desenvolvido polos arqueólogos do CSIC Xosé Lois Armada e Óscar García Vuelta, do Instituto de Ciencias do Patrimonio de Santiago e do Instituto de Historia, respectivamente,  analizáronse 40 exemplares de ourivería localizados en castros de Galicia e o norte de Portugal. Nel se conclúe que os lingotes estaban distribuídos en dúas zonas moi diferenciadas do Noroeste. Na área meridional, no norte de Portugal e sur de Galicia, localízanse máis lingotes de prata. Porén, na zona septentrional, o peso de lingotes con ouro, prata e cobre é moi superior.

Tesouro de Caldas / foto Ángel M. Felicísimo CCBy Wikimedia

Segundo o estudo a distribución dos lingotes de ouro e prata revelarían a presión do Imperio romano sobre os límites do noroeste peninsular antes da anexión do territorio. A área meridional estaría máis sometida ó control e influencia de Roma, sufrindo as incursións das súas tropas.

Isto provocaría que, nesta zona, fronte ós primeiros séculos da Idade do Ferro nos que a ourivería galaica estaría producida en gran medida con ouro, durante as fases finais da cultura castrexa, na conquista romana, apréciase unha presenza da prata no interior destas xoias moito maior, podendo ser mesmo importada. O artigo completo pode lerse en Archaeological and Anthropological Sciences, mentres a nova é recollida por culturagalega.gal.

Pode que che interese...