fbpx
A casa gótica de Betanzos na actualidade / foto HgG

Desfai a Casa Gótica de Betanzos, queda sen castigo e ameaza con “cortarlle as pernas” ó concelleiro de Urbanismo

Tempo de lectura: 3 min.

Non poderá achegarse a menos de 100 metros nin comunicarse por ningún medio co concelleiro de Urbanismo. Ese é o ditame do xulgado de Betanzos do pasado día 8 de xuño contra un veciño de Betanzos, o propietario que, segundo a xustiza, tería desmontado a chamada Casa Gótica. Sería por mor de episodios de continuas ameazas ó concelleiro Andrés Hermida ó longo do último ano.

Na fase preliminar do xuízo, tras unha denuncia presentada polo concelleiro, o xulgado ditou orde de afastamento. Segundo a denuncia, o concelleiro tería recibido ameazas diarias, entre elas contratar a algúns mozos para cortarlle as pernas, ir “directo á tumba” ou afirmar que “a vida ten 9 mm” ou que “o sangue vai fluír”, tal e como recolleu o xornal La Opinión da Coruña.

O derrube ou “desmontaxe” do edificio máis antigo de Betanzos sen castigo

E é que segundo unha sentencia do Xulgado do Penal número 4 da Coruña, o propietario sería o responsable da desmontaxe da chamada Casa Gótica de Betanzos, un inmoble con 600 anos de antigüidade, un dos máis antigos do centro histórico. Os feitos ocorreron no ano 2008 e seis anos despois a sentenza absolvía ó propietario.

A casa gótica de Betanzos na actualidade / foto HgG

Na sentenza, considérase probado que o propietario “a pesar de coñecer o valor arquitectónico” da propiedade, causou “graves danos ó patrimonio histórico”, derrubando e desmantelando posteriormente unha gran parte da fachada “de forma sistemática”, tal e como recollían naquel momento diversos medios como o xornal ElDiario.es.

Tal e como se recolle neste medio, a sentenza afirmaba que “non realizou as medidas de conservación oportunas” e que non respectou “as ordes emitidas polo Concello de Betanzos”. Tamén que durante anos e “sen licenza de ningún tipo”, realizou unha serie de “manipulacións que remataron coa fachada principal desmontada”.

Porén, a mesma sentenza destaca que o edificio, a pesar de estar situado no Conxunto Histórico-Artístico de Betanzos, Ben de Interese Cultural, “non era obxecto dunha protección singular”. Tamén que a fachada non fora “derrubada”, senón “desmontada” para evitar accidentes, tal e como afirmaba a defensa, polo que o acusado era absolto.

Detalle da vila de Betanzos / foto HdG

Un intento de compra e de reconstrución por parte do Concello

Mais, aínda que no xuízo polo derrube ou desmontaxe da casa quedara absolto, o certo é que non foi o único proceso de sanción ó que se enfrontou o propietario. Pois anos despois, tal e como informaba, neste caso, La Voz de Galicia, foille concedida licencia para a súa reedificación. Porén, ó non executala o Concello viuse na obriga de sancionar ó propietario.

Finalmente a solución atopada no ano 2020 polo Concello para a propiedade foi a de negociar a compra do inmoble a un prezo xusto. Porén o propietario negouse á venta no último momento das negociacións. Así ese mesmo ano o Concello de Betanzos adxudicou a redacción do proxecto para reconstruíla, tal e como informaba tamén La Voz de Galicia.

A execución das obras, correría a cargo do propietario ou serían contratadas de forma subsidiaria, en base á Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia, por ser un inmoble histórico de alto valor en abandono. “Non quere chegar a un acordo cando a nosa intención é, simplemente, recuperar un símbolo da cidade”, afirmábase dende o Concello, que tamén tivo que asumir os gastos de apuntalamento da estrutura.

Unha das portas de Betanzos, a máis próxima á casa gótica / foto HdG

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: