fbpx
Sarcófagos atopados nas distintas escavacións de Iria Flavia e que se atopan no exterior da igrexa / http://karkallon.blogspot.com.es/

Críticas ao abandono dos restos arqueolóxicos de Iria Flavia

Tempo de lectura: 2 min.

Nun lateral da igrexa de Santa María de Iria-Flavia repousan varios sarcófagos de pedra achados en escavacións arqueolóxicas realizadas na contorna do monumento, sobre todo, na campaña de 1992, dirixida polo profesor José Suárez Otero.

Foi Eloi Rodríguez, historiador e ex edil de Cultura en Padrón, autor do plan de dinamización turística e cultural deste concello, quen alerta nun estudo sobre a situación do rico patrimonio histórico-artístico de Iria-Flavia. Tamén denuncia que, no ano 1994, coa construción do paso subterráneo do lugar de Horta, produciuse “un atentado en toda regra contra ou patrimonio histórico padronés”.

Neste documento, insiste na necesidade de sinalización destes restos arqueolóxicos, con paneis informativos, xunto con outras zonas do municipio, para a súa posta en valor.

Imaxe dos sarcófagos atopados nas escavacións da igrexa de Iria Flavia nos anos 70 / apuntes.santanderlasalle.es

Imaxe dos sarcófagos atopados nas escavacións da igrexa de Iria Flavia nos anos 70 / apuntes.santanderlasalle.es

Ademais, destaca que, a pesar das escavacións realizadas na zona desde o ano 1962 (a primeira) até o 1994 (a última), aínda queda moito por descubrir, xa que “non se chegou ao fondo do xacemento”, ao non continuar coas escavacións. Falta de recursos económicos, oposición veciñal nalgún caso e tamén reticencias a remover nun recinto sacro, son algunhas das causas que motivaron a paralización das escavacións.

No estudo, tamén amosa a súa preocupación polo destino de moitas pezas atopadas nas escavacións que están en distintos museos de Santiago, A Coruña e Pontevedra, ao non haber un lugar de depósito en Padrón.

Antiga Sede Episcopal

Iria Flavia foi antiga Sede Episcopal e considerada como o primeiro templo mariano do mundo. É unha das máis antigas de Galicia, sendo San Agatadoro o primeiro en ocupar a cadeira episcopal no ano 40 d.C. Tal e como indica o seu nome, está situada en Iria, á que Vespasiano, antigo emperador romano, elevou á consideración de municipio, e desde entón coñéceselle como Iria Flavia. Na súa igrexa foron enterrados 28 bispos Santos, feito do que dan fe os sarcófagos antropomorfos que se atoparon nas escavacións arqueolóxicas.

Eloi Rodríguez lembra que Iria podería ser a sede do futuro Museo da Historia de Padrón, que está proxectado abrir nas dependencias da antiga casa dos capeláns de Iria-Flavia, pendente de rehabilitación e situada de lado da propia igrexa. Fonte: La Voz

Pode que che interese...