fbpx
Aeroxeradores / foto RJA1988 CC0

Un novo parque eólico ameaza un dos maiores e mais antigos recintos medievais fortificados de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

No cumio dun monte do concello de Padrón, como contamos noutro artigo, podería estar unha das claves para entender un dos momentos máis descoñecidos da historia de Galicia, o período entre o final do Imperio Romano e a conformación da Galicia medieval. Trátase do xacemento do Castro Valente, un xacemento recentemente escavado por Tempos Arqueólogos SL entre Padrón e A Estrada e no que o estudo apuntou interesantes conclusións.

Porén, as claves históricas que podería revelar este excepcional enclave poderían estar en risco, unha vez máis, por un novo parque eólico. Trátase do Parque de Castro Valente, que Iberdrola Renovables Galicia S.A. quere construír neste monte. O parque estaría composto por catro grandes aeroxeradores de 107 metros de buxe e 145 de diámetro de rotor, localizados, algún deles, a menos de 260 metros do propio xacemento.

O xacemento de Castro Valente en Padrón / foto obaixoullagal

Un xacemento xa moi maltratado por lumes e cortalumes

E é que, xa no desenvolvemento da propia campaña chegaba ó equipo de escavación as novas sobre o parque. “Parece ser que hai unha solicitude para instalar até catro grandes aeroxeradores na ladeira oeste do Castro Valente” explicaba o director do proxecto Mario Fernández-Pereiro, na presentación das conclusións preliminares. “Apenas temos información, xa que nos enteramos durante a campaña, máis poderían afectar moi negativamente a todo o entorno, xa de por si moi degradado”.

O certo é que os catro aeroxeradores localizados no mesmo monte no que se atopa o xacemento estarían ó pé, aínda que fora, da zona de amortecemento da fortaleza, que segundo a Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia, sería de 200 metros, quedando a tan so 59,38 desta área mínima. Porén tanto os eólicos como a súa rede de accesos instalaríanse por toda a contorna do xacemento afectando ó seu entorno directo.

Estrutura do parque respecto ó xacemento do Castro Valente e a súa área de amortecemento / foto Petón do Lobo

Tal e como afirmaban dende o equipo, o impacto do parque sumarase ós desperfectos dun xacemento xa moi degradado. Pois o lugar foi vítima da vaga de lumes de 2007, e o que foi peor para o xacemento, da apertura de cortalumes despois do incendio. “Mentres que na zona noroeste que foi onde escavamos, a muralla atópase nun impresionante estado de conservación, toda a zona leste atópase destruída pola construción dun cortalumes“.

Moi preto dos espazos ZEC e ZEPVN Sistema Fluvial Ulla-Deza

Trátase, tal e como recolle a asociación cultural Petón do Lobo, da instalación de 4 aeroxeradores Siemens Gamesa modelo SG145 4,5 MW HH, cunha unha potencia instalada de 18 MW e unha subestación elevadora no termo municipal da Estrada. Os aeroxeradores terán unha lonxitude de aspa de 71 metros e un área varrida de 16.513,03 m2. Ademais para a súa construción precisará crearse preto de 5,4, quilómetros de camiños ós que se accedería dende a PO-214.

Ademais do xacemento do Castro Valente o parque afectaría a diversos hábitats protexidos pola Directiva 92/43/CEE así como á á Rede Natura 2000. Pois os espazos ZEC e ZEPVN Sistema Fluvial Ulla-Deza (COD. ES1140001), entrarían na envolvente de 5 a 10  e menos de 5 quilómetros, respectivamente dos aeroxeradores. O parque afectaría a ata 60 especies de aves vulnerables recollidas no Libro Vermello das Aves de España, así como 7 de mamíferos, 9 de anfibios e 9 de reptís, tamén en perigo.

Vistas dende o xacemento de Castro Valente / foto Castelos no aire


Para saber máis: a información sobre o parque, recollida por Petón do Lobo, pode consultarse neste link. Sobre a escavación e conclusións do estudo do Castro Valente poden consultarse os nosos artigos.


Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...