Tres novas mámoas afectadas por outro eólico, esta vez en Celanova
Tres mámoas máis súmanse ó patrimonio afectado pola “avalancha eólica” que está a sufrir Galicia neste 2021. Trátase das mámoas 1, 2 e 3 do Monte Oural (GA32084071-4), entre os concellos de Celanova e Verea, tal e como recolleu, unha vez máis a asociación Petón do Lobo.
As mámoas, nas que polo de agora se descoñece o impacto, estarán afectadas pola construción do parque Monte do Outeiro, da empresa Engage Intellig Enty SLU. Trátase dun parque dunha potencia total de 42 mw composto por 7 aeroxeradores modelo Siemens Gamesa SG-155, de 102,5 m de buxe e 155 de diámetro de rotor.

Esquema do parque segundo Petón do Lobo
O parque contará tamén con subestación e liña de evacuación. Afectará, segundo o proxecto, a diversos hábitats protexidos pola Directiva 92/43/CEE e a Áreas de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) Castromao e Pena Gache-Serra do Leboreiro. Tamén a diversas especies vulnerables como a píntega rabilarga, sapillo ibérico ou a ra patilarga.

Contorna do parque / foto Petón do Lobo