fbpx
Foto do “Anja” sacada o 28 de setembro de 1987 polo fotógrafo Frits Olinga Delfzijl

30 anos do naufraxio do “ANJA” e a campá que acabou na Virxe do Monte de Camariñas

Tempo de lectura: 4 min.

O Anja era un buque tipo Bulk Carrier, de bandeira chipriota que viña de Túnez e dirixíase ó porto francés de Ruen, cando foi sorprendido por unha avaría, quedando sen goberno fronte ás costas de Fisterra, portando unha carga de 5.000 Tn. de fosfatos. Fixo unha primeira chamada de socorro ás 13:50 da tarde do 28 de febreiro de 1991, cando por causa dunha avaría nas máquinas quedou ó garete a unhas 3 millas do cabo da Nave de Fisterra, nunha zona de fortes temporais con ventos de 40 nós e ondas duns 5 metros de alto. Neses intres, un arrastreiro que faenaba nas inmediacións, tentou soster ó mercante lanzándolle un cabo, mais todo resultou en balde.

Os remolcadores “Golfo de Vizcaya” que se atopaba no porto da Coruña, o “Ría de Vigo” con base na cidade olívica e o “Remolcanosa 20”, así como os helicópteros “Rescue 35” do SAR e o “Pesca 1” do SOS Galicia, recibiron ordes da Mariña Mercante para dirixirse ó lugar do incidente. O “Remolcanosa 20” conseguiu enganchalo mercante en 2 ocasións cando aínda estaba a uns 50 metros da costa, pero os cabos racharon. Os helicópteros estiveron sobrevoando ata que o capitán do Anja deu a orde para abandonalo barco. Pasado as 16:30 da tarde, o “Pesca 1” logrou rescatar a catro tripulantes dos dezaseis que o compoñían. O helicóptero do SAR rescataría ós 12 tripulantes que restaban, onde foron levados a Casa do Mar de Vigo para declarar diante das autoridades e a súa posterior repatriación á Unión Soviética de onde eran orixinarios.

Infografía de “La Voz de Galicia” do sábado 2 de marzo de 1991.

Ás 17:52, o mercante chipriota embarrancou na costa muxiana, concretamente nas Laxas de Monte Gordo, na parroquia de Nemiña, a unha milla ó sur de cabo Touriñán. O buque escorouse cara ó lado de estribor dándolle duro o forte temporal que había nese intre.

A “Voz de Galicia” do día 2 de marzo publica un debuxo de como o barco se partiu en dous, derramando a súa carga de fosfatos e parte dos 82.000 litros de combustible (70.000 litros de fuel e 12.000 de gasóleo). A empresa Remolcanosa tentaría salvar parte do combustible pero o temporal non deixou e, finalmente, acabaron no mar nos días seguintes. Segundo  “La Voz”, o mercante estaba matriculado en Limassol, Chipre, e pertencía á casa armadora “Hanseactic Shipping”.

A orixe do buque

Como moitos do buques mercantes ó longo da historia, Anja non sería o seu nome orixinal ou de “nacemento”. Construiríase en 1972 nos estaleiros holandeses de “Vuijk & Zonen – Capellle Aan Den Ijssel”, co número de IMO 7125201 e bautizando co nome de Angelica Shulte. Este buque entregouse o 30 de xuño de 1972 para a compañía de Hamburgo de Bernhard Shulte. Arrastraría 6.209 Tn de peso morto e 3.892 Tn de rexistro bruto. As súas dimensións eran de 96,7 metros de eslora, 16,1 de manga e 7,2 de puntal. En 1987 pasaría á compañía chipriota “Tradesport Marine, Ltd.” de Limassol, e acabou embarrancando coa empresa “Hanseactic Shipping” tamén de Limassol.

Foto do “Angelica Shulte” o 18 de setembro de 1978 sacada polo fotógrafo Simonwp

A Campá do barco

Uns anos máis tarde, a campá sería recuperada polos chatarreiros da zona e vendida para ser colocada na ermida da Virxe do Monte de Camariñas. Esta substituiría a unha campá vella de ferro que caía a cachos e tocaba como si fora un sacho. Anos despois, un raio caería no pequeno campanil da ermida danándoa gravemente. Aproveitando a ocasión da reparación do campanil, mercouse no 2004 unha campá nova aos Ocampo Campaneiros de Arcos da Condesa (Caldas de Reis, Pontevedra). O importe desta campá foi unha doazón dunha familia do lugar.


Campá co nome inscrito de “ANGELICA SHULTE / 1972”.

A campá do Angelica Shulte / Anja, gardaríase na sancristía da capela, nun oco que semella ser a despensa da lareira, conservándose alí ata o día de hoxe, onde podemos ollala cando sen fan actos litúrxicos como na Semana Santa na honra a Nosa Virxe do Monte de Camariñas.

Ermida da Virxe do Monte en Camariñas onde se pode ver coa campá nova elaborada polos Ocampo en Arcos da Condesa (Caldas de Reis, Pontevedra).

Bibliografía:
• Troiano Carril, Xosé, “Camariñas Corazón da Costa da Morte”, 2017.
• La voz de Galicia, dos días 1, 2, 3, 6 de marzo de 1991.
• El País, por Xosé Hermida. 02 de marzo de 1991.
• Wrecksite.com.
• Maritimeconnector.com.
• Shipspotting.com.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...