fbpx
Ponte dos Mazos, en Baralla, para o que piden a declaración de BIC / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Piden a declaración como BIC de dúas pontes en Baralla

Tempo de lectura: 3 min.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares remitiulle o pasado 2 de xuño de 2016 á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a solicitude de declaración como BIC de dúas pontes históricas situadas no concello de Baralla: a Ponte de Covas e a Ponte dos Mazos.A Ponte de Covas atravesa o río Neira, tributario do Miño. É medieval de posible orixe romana. Construída en cadeirado de granito e xisto, ten tres arcos semicirculares, con luces de 15 metros o central e 5,20 metros os laterais. Ten unha lonxitude de 25 metros e unha anchura de calzada de 3,5 metros.

Por ela discorría unha variante da Vía romana XIX, abeirada na zona polos castros romanizados de Gundián, A Croa de Pousada, Basille, Berselos, Covas, Traspena, etc. Tamén formou parte dun atallo dunha variante do Camiño Francés de Santiago. Recentemente, e a pouca distancia da ponte, localizouse un asentamento, probablemente de época medieval, que está asociación está a estudar, onde se erguería unha torre ou atalaia que exercería control sobre este paso.

“Ademais de apreciarse claramente os restos dunha muralla e un foxo, debaixo do outeiro abríronse varias covas na pedra calcaria realizadas por man humana. Nunha delas atopamos restos dun recipiente cerámico. O lugar coñécese como O Castelo”, indica este colectivo nun comunicado. O Concello de Baralla está a traballar no acondicionamente dunha ruta á beira do río que comunicaría esta ponte coa de Carracedo, no municipio limítrofe de Láncara.

A outra ponte

Pola súa banda, a Ponte dos Mazos sitúase na aldea dos Mazos, na parroquia de San Martín de Neira de Rei. Como a de Covas, salva o río Neira. A ponte actual data do século XVIII. Construída en granito e xisto, ten un arco de medio punto con luces de 11,50 metros. Ten unha lonxitude de 29 metros e unha anchura de calzada de 3,80 metros. Amor Meilán relaciona a ponte cunha antiga calzada romana, e Pardo de Neyra fala dunha pedra cunha inscrición en latín que non se atopou aínda.

Ponte das Covas, en Baralla, para o que piden a declaración de BIC / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Ponte das Covas, en Baralla, para o que piden a declaración de BIC / Colectivo Patrimonio dos Ancares

O que si está ben documentado é que por esta ponte pasaba o Camiño Real. Nas inmediacións consérvanse as ruínas do mazo que lle deu nome tanto á aldea como á ponte, unha antiga ferrería que funcionou dende mediados do século XVIII ata finais do XIX.

“A declaración como Ben de Interese Cultural destas pontes é fundamental para a súa conservación. Ambas as dúas, ademais de estar comidas pola maleza, mostran apreciables danos nas súas estruturas. Por elas pasan todo tipo de vehículos a motor”, critica o colectivo.

O Concello de Baralla, involucrado

O Concello, que tamén recibiu a proposta dirixida á Xunta de Galicia, amosou o seu interese en involucrarse de forma activa na posta en valor destas infraestruturas históricas situadas nunha contorna natural de gran beleza.

Na comarca, a única ponte declarada como BIC é a situada nas Pontes de Gatín, en Becerreá. No ano 2009, o Concello de Becerreá solicitou esta catalogación para a Ponte de Cruzul pero, transcorridos máis de cinco anos sen recibir resposta, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares realizaron outra solicitude no ano 2015 para que se resolvese o expediente que, por tratarse dunha ponte situada na antiga N-VI, correspóndelle ao Ministerio de Fomento.

Pode que che interese...