fbpx

Volven denunciar a destrución do patrimonio do mosteiro de San Pedro de Rocas

Tempo de lectura: 3 min.

As obras que comezaron o día 10 de agosto na contorna de San Pedro de Rocas levantaron polémicas, pois estas afectan ao muro medieval do lugar. Así o denunciaron diferentes organizacións, ao igual que outras persoas como arqueólogos ou historiadores, considerando que se está destruíndo o patrimonio natural e histórico dun complexo catalogado como monumento histórico-artístico nacional no 1923.

Ante estas obras, que teñen como obxectivo á ampliación da estrada que chega ata o mosteiro, o colectivo Salvemos Rocas S.O.S convocou unha concentración no lugar o pasado 10 de agosto, o que poñía de manifesto o descontento coa intervención que a Deputación de Ourense está levando a cabo. San Pedro de Rocas “atópase ameazado por un novo tramo de estrada, elevado 5m nalgún punto, que destruirá para sempre parte dos camiños medievais e do muro orixinal do couto, pese a ter sido declarado Ben de Interese Cultural”, denuncian dende as redes sociais da asociación.

Pola súa banda, dende a Federación de Asociación da Ribeira Sacra súmanse ás críticas do que consideran un “atentado patrimonial” e sinalan motivos turísticos detrás das obras: “As razóns de seguridade para o tráfico, dadas pola Deputación, son absurdas cando nesta estrada non se rexistran accidentes ningúns na DXT”, explican, “Pero é o malentendido turismo a escusa para levar adiante este atentado, un turismo non respectuoso co lugar, invasivo e masivo”.

Porén, a amplificación da vía de acceso ao mosteiro tamén recibiu críticas positivas, pois como recolle o xornal ourensán La Región, veciños de A Cernada, Loña do Monte, Lobaces e Gomariz levaban anos “pelexando por esta obra, que nos fai ben tanto aos de aquí coma a todos os turistas que nos queren visitar”.

No transcurso das obras tamén se criticou que estas estaban a derribar pedras do muro de peche do complexo, e que durante a intervención das escavadoras apareceron as bases orixinais doutras construcións do mosteiro, que poderían ser vivendas anexas ou estancias destinadas a servizos de hospedaría ou enfermería. Dende Salvemos Rocas S.O.S. denuncian que un total de 80 metros de pedras e perpiaños centenarios xa se viron afectados.

“Mediante escavadora e paleadora, os muros históricos derrúbanse á maneira na que o fan cando sucede unha catástrofe”, criticaba os arqueólogos Natalia Figueiras e Jorge López Quiroga, segundo recolle o diario Público. Por iso recordan que xa se advertira antes do comezo da posibilidade de que apareceran restos máis antigos e de que o patrimonio se vise afectado.

A isto súmanselle as críticas ás que dan voz asociacións como Amigas das Árbores, que sinala como as obras afectan a árbores centenarias, que están a ser taladas, como é o caso dun ciprés do que se ten rexistro dende o 1923, cando foi publicada unha fotografía do Mosteiro de San Roque na que aparecía a árbore.

MANUEL BALTAR, NO PUNTO DE MIRA

Dende o 1999 o complexo do Mosteiro está considerado Ben de Interese Cultural, unha distinción que se viu ampliada no 2018, cando se incluíron dentro deste recoñecemento cen hectáreas de bosque autóctono que conforman a contorna do monumento. Porén, isto non impediu que dende a Deputación de Ourense, presidida por Manuel Baltar, se elaborase o proxecto das obras.

Ante isto, a Fiscalía abriu unha investigación por delito contra o patrimonio histórico, ao que se lle suman denuncias contra diversos cargos da Xunta e da Deputación por parte de asociacións. Como sinalan dende Público, podería haber indicios de falsificación de documentos, nun intento de evitar as restricións das leis patrimoniais, para poder dar comezo ás obras.

“No 2011 e en 2018 xa se denegaran os permisos dende a delegación do Patrimonio. No 2019 é cando se lle da o visto bo. No documento consta o nome de Laura del Castillo (que en 2018 dixera que só se podería pavimentar), pero vai visado pola firma dixital de Sandra Quintas, que era xefa territorial de Cultura e Turismo da Xunta en Ourense nese momento. E omite que é BIC”, explicaba no mes de marzo o presidente do Comité científico da Fundación Moreiras San Pedro de Rocas, Jorge López Quiroga a Nius Diario. Nese mesmo mes, a plataforma SOS Ourense convocou unha concentración, á que acudiron máis de 300 persoas.

Agora, coas obras comezadas e coa aparición de novos cimentos orixinais, expertos apuntan que o patrimonio histórico do lugar se atopa en perigo. “A historia de séculos do mosteiro máis antigo de Galicia foi radicalmente minguada de forma implacable e sen deixar rastro”, criticaban os arqueólogos Natalia Figueiras e Jorge López Quiroga. A isto, súmaselle unha petición pola paralización das obras que xa suma máis de 5.600 firmas en change.org. Preservar o patrimonio histórico e natural é o obxectivo que se atopa detrás de todas as denuncias.

Pode que che interese...