fbpx

A banda deseñada e memoria histórica danse a man en Vicedo

Tempo de lectura: < 1 min.

A casa da cultura do Vicedo acollerá durante tres días as Xornadas “Memoria dun tempo”, unha actividade que organizada a Asociación Nordés. Os días 25, 26 e 27 a memoria histórica será a protagonista, unha cita que chega á súa 12ª edición.

“Nesta traxectoria fomos vendo como outras formas de expresión artística estaban a ter cada vez maior importancia nesta difícil labor de recuperación da memoria histórica”, destacan dende a asociación, que leva 12 anos apoiando a divulgación arredor desta temática. Con música, poesía, relatorios e audiovisual a Asociación Nordés achega a memoria histórica a un público xeral dunha maneira diferente.

Este ano a banda deseñada toma un papel principal, pois esta, da man doutros xéneros literarios, serán o fío condutor destas xornadas. “Dende a Banda Deseñada ano tras ano xorden propostas novidosas, imaxinativas e creativas que ao tempo veñen a rescatar do esquecemento feitos e personaxes dende a súa propia linguaxe”, explican dende Nordés.

O xoves 25, ás 19.00 horas, as investigadoras Montse Fajardo e o debuxante Fuco Prado levarán ao público a obra Os berros da motocicleta para falar da vida de Josefina Arruti Viaño. Pola súa banda, o venres 26 celebrarase unha mesa redonda que, baixo o título Diálogo entre a literatura, a memoria e a banda deseñada, reunirá á acrtriz Paula Carballeira e ao debuxante Manél Cráneo.

Será Cráneo quen peche as xornadas o día 27, ofrecendo un obradoiro de banda deseñada de balde. A X Homenaxe a persoas republicanas e libertarias será o broche final para as Xornadas Memoria dun Tempo, un acto que se celebrará na ponte Vella do Barqueiro ás 13.30 horas.

 

Pode que che interese...