fbpx
Petróglifos de A Carreira, en Ponteareas / http://omeigodotea.blogspot.com.es/

Os misterios que ocultan os novos petróglifos atopados en Ponteareas

Tempo de lectura: 3 min.

Os petróglifos seguen sendo os grandes descoñecidos da arqueoloxía galega. Hai centos deles catalogados, pero, aínda hoxe, non hai unha única teoría sobre a súa orixe e funcionalidade. Pouco se sabe tamén sobre a súa maior implantación nas zonas costeiras e a súa menor presenza no interior de Galicia. Os distintos autores tampouco se teñen posto de acordo sobre isto .E esas dúbidas continúan con cada novo petróglifo que se atopa.

Hai unhas semanas coñecíase o descubrimento de varias estacións no lugar de Carreira, na parroquia de Pías, en Ponteareas. Julio Fernández Pintos acaba de publicar un extenso estudio sobre estas insculturas con interesantes conclusións en “Estación de Arte Rupestre de A Carreira, Pías, Ponteareas”.

Foi grazas aos incendios que sufriu ese concello que se puideron descubrir en varias rochas, petróglifos son dunha tipoloxía moi común aos que se atopan comarca e Rías Baixas, ao tratarse de representacións maioritariamente circulares e con abundantes coviñas.

Panel 1 dos petróglifos de A Carreira, en Ponteareas / Julio Fernández Pintos

Panel 1 dos petróglifos de A Carreira, en Ponteareas / Julio Fernández Pintos

Fertilidade da Terra

Precisamente, Fernández Pintos apunta á posibilidade de que algúns deles estean relacionados coa fertilidade da terra. “Unha vez máis abordamos o tema da ocupación mamilar, presentando xa unha profundización no coñecemento desta tendencia: parece claro que con esta decoración de mamilos críase en entidades presentes nas rochas, que eran tamén responsables da fertilidade das terras”.

Con todo, o propio autor tamén recoñece que non queda aínda claro se as combinacións circulares gravadas en superficies lisas poden ser asimiladas a estas crenzas, “aínda que tamén é certo que hai datos que nos permiten pensalo positivamente”.

Panel 2 de petróglifos de A Carreira, en Ponteareas / Julio Fernández Pintos

Panel 2 de petróglifos de A Carreira, en Ponteareas / Julio Fernández Pintos

As coviñas

Tamén chama a atención sobre as numerosas coviñas atopadas e, especialmente, sobre a falta de estudo, ou interese, en estudalas. “Este tipo de petróglifos tan abundante, raramente mereceron unha mínima investigación, observándose que os autores que traballan sobre Arte Rupestre Galego foxen delas dun modo moi pouco disimulado, apartándoas das súas investigacións con indisimuladas escusas, máis que con 90 razoamentos”, sinala. “A importancia das coviñas, como ciclo artístico autónomo, é o de traducir un tipo de arte dunha sociedade ben definida cultural e cronoloxicamente, polo que o seu desprezo sinxelamente é ilóxico”, engade.

Tamén alude a menor presenza de petróglifos no interior de Galicia. “Pero é incuestionable que a súa difusión perde importancia canto máis nos afastamos cara ao interior, e a razón desta rarificación non é a falta de pedras, senón forzosamente algún tipo de condicionamento social. A investigación e aclaración deste tema podería ser básico para resolver cuestións afíns coa arte Rupestre Galego”, indica.

Cronoloxía

Tampouco é quen Fernández Pintos de apuntar unha cronoloxía. “Seguimos movéndonos no dominio das hipóteses”, di. Por iso, aposta por ligar os petróglifos coa realidade arqueolóxica, non dun modo aparente ou teórico, “senón no sentido de que a práctica arqueolóxica se implique máis decididamente e con criterios máis apropiados ao esclarecemento desta cuestión”.

Neste sentido, avoga pola planificación de escavacións na contorna dos petróglifos máis idóneos, que superen a mera limpeza das rochas, para obter columnas palinológicas e edáficas. Disto xa hai exemplos claros, como a escavación do petróglifo de Os Carballos (Moimenta, Campo Lameiro), aínda que despois os distintos autores tampouco se poñan de acordo coa súa interpretación.

 

Pode que che interese...