fbpx
Recreación do Castelo de Outes / Torres, Varas e demos. Os irmandiños na ría de Muros-Noia. Carlos Barros. Con ilustracións de Manuel Mariño Reino. Toxosoutos. S.L.

O primeiro demo documentado da historia de Galicia

Tempo de lectura: 5 min.

É un caso inédito ter en Galicia noticias nas crónicas dun demo nas ruínas dun castelo medieval, e moito máis inédito atopalo documentado nun proceso xudicial do século XVI, pero habelo seica o houbo. Foron moitos as testemuñas que pasaron polo proceso coñecido “ Testimonio de probanza sobre el estado y reedificación de las fortalezas de la Dignidad Arcebispal, 1526” ou tamén chamado “Preito Tabera -Fonseca” e celebrado cando o bispo Don Xoán Tabera veu a ocupar a vacante na sé compostelá no ano 1524 e reclamaba dez millóns de maravedís para reparar os danos causados ás fortalezas pertencentes á Mitra compostelá polas revoltas das irmandades, que se deran no tempo do seu antecesor no cargo D. Alonso de Fonseca e Ulloa, máis coñecido por Fonseca III, e mesmo na do patriarca Fonseca II.

Ilustración do demo / Torres, Varas e demos. Os irmandiños na ría de Muros-Noia. Carlos Barros. Con ilustracións de Manuel Mariño Reino. Toxosoutos. S.L.

Ilustración do demo / Torres, Varas e demos. Os irmandiños na ría de Muros-Noia. Carlos Barros. Con ilustracións de Manuel Mariño Reino. Toxosoutos. S.L.

Por aquela época moitos dos outeiros do Reino, coas ruínas das fortalezas da mitra, aínda amosaban as sinais das desfeitas irmandiñas, como testemuñas que avisaban dende o alto que a xente ten límites de asoballamento que é mellor non traspasar. Eran as feridas dun tempo pasado en que os “pardais rabuñaran aos falcóns” e lle ciscallaran non poucos niños que enseñoraban nas penedías. Non foi difícil para os señores mandar aos vasalos volver a refacer as súas casas fortes, pero no señorío eclesiástico houbo dificultades ou abandono á hora de reparalas e a cousa quedara sen que ninguén fixera reconto de responsabilidades e unha exhaustiva “revisión de danos”.

Unha desas fortalezas é o castelo de Outes, ao que se refire un veciño nese proceso. Non sabemos como respondeu nin as voltas que lle deu Pedro Lourenzo de Sarnón, veciño de Noia, de 60 anos á pregunta nº 25 do interrogatorio presentado por Dr. Pedro de Cisneros no preito Tabera – Fonseca, nin como se fixeron os apuntamentos das súas palabras, pero si temos constancia que o letrado transcribiu por escrito, e xa para a historia, que este home afirmaba que había un demo no castelo de Outes.

Lemos na manifestación de Pedro Lourenzo : “manifesta el testigo que o castelo es roto y es cosa cativa y de muy viejas paredes secas” . Engádese ademais rotundamente que “nadie osa vivir en el ha más de veinte años , porque anda en él el diablo que hespanta gentes que en él están y quieren dormir”…”porque tanbién estando en el una noche, se le paró delante una visión grande y hespantosa y se asió con este testigo a os braços y fue para echarle a una escalera abaxo, hasta queste testigo ubo la puerta y se fuera del”.

Non acaban aquí as trasnadas do demo, e Lourenzo segue a comunicárllelas aos letrados, os cales anotan “aun despues otra bez estando este testigo junto del (ao pé do castelo) le hizo otro hespanto y a otros que en el dicho (castelo) an estado …a sido un quexar de hespanto lo que en el an acaecido…”

Ruinas do castelo de Outes / Elixio Vieites

Ruínas do castelo de Outes / Elixio Vieites

Por iso pensa a testemuña que por todo que lle sucedeu alí e tal e como el recorda, vale a pena  “…deixalo caer que no corregillo e endereçarlo por que es tal cual dicho tiene” , ademais dille as senorías que “…no sabe que probecho aga donde está , estando legua y media de Noia y dos leguas de Muros, que son villas cercadas del señor arçobispo….. que no alli donde está 

Nunca saberemos se serían as poucas ganas que tería o de Sarnón de volver a ver levantado o castelo debido as malfeitorías das que se tiñan noticias que alí se fixeran, se quería facerlle unha brincadeira a tan ilustres señorías ou si de verdade estaba o diaño nas ruínas do castelo de Outes. E se de verdade o había, xa intuímos de que parte estaba e a quen defendía.

As fortalezas do preito

Das 24 fortalezas da que se nos dá conta no preito había unhas completamente derrocadas, entre elas estarían a Rochaforte de Santiago, a Rocha Branca de Padrón e as Torres do Oeste, que eran sete e só quedaron dúas, e moi escangalladas. Entre as caídas e derrocadas ou mal reparadas estaban as significativas de Lobeira, Xallas, Castelo de Grovas, Barreira, Mesía, e esta do Castelo de Outes, que tiña o demo dentro.

Declaración de Pedro Lourenzo de Sarnón / Torres, Varas e demos. Os irmandiños na ría de Muros-Noia. Carlos Barros. Con ilustracións de Manuel Mariño Reino. Toxosoutos. S.L.

Declaración de Pedro Lourenzo de Sarnón / Torres, Varas e demos. Os irmandiños na ría de Muros-Noia. Carlos Barros. Con ilustracións de Manuel Mariño Reino. Toxosoutos. S.L.

Como o Arcebispo Xoán Tabera reclamaba, e Fonseca non pagaba, os dous viron que a cousa ía para lonxe e decidiron montar o nomeado xuízo. Foron mandados mestres canteiros para encargarse de dar fe dos danos e o custo que suporían os arranxos dos edificios, chamáronse tamén testemuñas para declarar no litixio todo aquelo que souberan de como era o seu estado antes das revoltas daquela guerra. En total viñeron 96 pola parte de Fonseca e 87 por Tabera, os cales eran de diversos lugares e pertencentes a diferentes estatus sociais. Había maioría entre eles de labradores, pero tamén escudeiros, eclesiásticos, zapateiros, pescadores e ademais 5 notarios, 1 sastre, 1 ferreiro, e non constaba a profesión de 41.

O xuízo desenvólvese en castelán, pero moita daquela xente supoño que intentarían darse a entender na súa lingua e habería que transcribir as declaracións, e será por iso que nalgunhas hai contradicións, dicindo por exemplo nunha delas, e de primeiras, que non sabía o interrogado quen dirixira o asalto, para despois recoñecer máis adiante no mesmo texto que el mesmo participara en dita refrega contra o castelo actualmente tumbado. Sería que non o entenderan ben ou que a testemuña estivera, pero non vira moita cousa, ou non quixera ver.

Bibliografía :
Las fortalezas de la Mitra Compostelana y los “Irmandiños”. Pleito Tabera-Fonseca. 1984. Rodríguez González,Angel.Fundación Barrié de la Maza
Torres, Varas e demos. Os irmandiños na ría de Muros-Noia. Carlos Barros. Con ilustracións de Manuel Mariño Reino. Toxosoutos. S.L.
O Castelo de Outes e os Monumentos de Barbanza. Gulías Lamas, Xosé Antonio. Serie Trivium nº 32. 2009.
A ficha do Castelo de Outes, coa súa situación, en patrimoniogalego.net http://patrimoniogalego.net/index.php/14967/2012/03/castelo-de-outes/

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...